O Club Aromón reúne 100 mozos escaladores na segunda proba da liga de Promoción

Pontevedra
06 de maio 2026
Actualizado: 17:47

O rocódromo da Xunqueira será escenario este domingo dunha nova cita da liga de Escalada de Promoción. Organizada polo Club Aromón, a cita conta con 100 inscritos de entre 6 e 16 anos

Presentación da segunda proba da Liga de Escalada de Promoción
Presentación da segunda proba da Liga de Escalada de Promoción / PontevedraViva

A escalada volverá encher o pavillón multiusos da Xunqueira coa disputa da segunda proba da liga de Escalada de Promoción.

A competición foi presentada este mércores en rolda de prensa pola concelleira de Deportes, Anabel Gulías, xunto a representantes do Club Aromón.

A directora da proba, Águeda Gutiérrez, detallou que a xornada se celebrará este domingo 10 de maio e contará con 100 nenos e nenas de entre 8 e 16 anos, unha cifra que converte ao pontevedrés no segundo club con maior participación de Galicia na cita.

A maioría dos inscritos proceden das escolas municipais e catro xa forman parte do equipo de tecnificación da Federación Galega de Montañismo.

Gutiérrez destacou que a competición contará con alta presenza feminina, concretamente o 55% dos participantes. Subliñou que se trata dun cifra "moi importante", especialmente nunha etapa na que moitas adolescentes abandonan a práctica deportiva.

A competición desenvolverase entre as 9:30 e as 18:30 horas.

As categorías dos máis pequenos, prebenxamín e benxamín, disputarán as súas fases previas e finais pola mañá, até as 14:00 horas, mentres que pola tarde será a quenda de alevín, infantil e cadete.

Entre unhas probas e outras está previsto un descanso que a organización aproveitará para modificar as vías do rocódromo antes das finais.