Coke Carrillo asina polo Celta de Vigo para as próximas 5 tempadas

Pontevedra
03 de agosto 2022

O canteirán do Pontevedra, que xa estivo a préstamo en Vigo a pasada campaña, desvinculouse do FC Barcelona. O club granate, pendente das cantidades da operación ao poder beneficiarse dos dereitos de formación

Coke Carrillo nun adestramento do Celta de Vigo
Coke Carrillo nun adestramento do Celta de Vigo / Real Club Celta de Vigo

O Real Club Celta de Vigo confirmou este mércores a contratación do pontevedrés Coke Carrillo.

O gardameta de Poio, canteirán do Pontevedra Club de Fútbol, comprometeuse coa entidade viguesa para o próximas cinco tempadas, desvinculándose así do Fútbol Club Barcelona, con quen tiña contrato ata 2024 cunha cláusula de rescisión de 50 millóns de euros.

Carrillo, que abandonou a entidade granate en idade xuvenil para enrolarse na canteira do Barcelona, xa estivo o pasado curso a préstamo no Celta de Vigo, no que foi terceiro porteiro do primeiro equipo en Primeira División a pesar de non chegar a debutar nin gozar tampouco de minutos co filial de Primeira RFEF.

Esta situación apunta a que cambiará esta tempada dada a forte aposta do Celta nel, ao asinalo por 5 anos.

O club vigués contaba cunha opción de compra sobre o porteiro tras o acordo de cesión do pasado verán.

No que respecta ao Pontevedra, a entidade da Boa Vila queda pendente das cantidades manexadas na operación, debido a que pode optar a recibir unha achega económica en concepto de dereitos de formación.