Colección de medallas para o Mace Sport en Alacante

Pontevedra
14 de decembro 2016

O club pontevedrés conseguiu un bo número de medallas no recente Campionato de España de Clubs de taekwondo

Equipo do Mace Sport no Campionato de España de Clubs en Alacante
Equipo do Mace Sport no Campionato de España de Clubs en Alacante / Mace Sport

Notable actuación dos deportistas do Mace Sport no Campionato de España de Clubs de taekwondo celebrado recentemente en Alacante.

Os deportistas do club pontevedrés conseguiron un bo número de medallas entre as diferentes categorías e modalidades de combate, exhibición ou freestyle.

En combate, Javier González fíxose co ouro en categoría junior (-63 quilos), Inés González coa prata en idade precadete (-40 quilos) e José Abollado o bronce tamén en precadete (-33 quilos). Tamén conseguiu medalla en categoría precadete Elena Cubas, do Suh Sport (-30 quilos).

Maior foi a colleita de medallas na modalidade de exhibición, cun ouro para o equipo senior e unha prata para o equipo cadete.

A nivel individual Marcos Silva conseguiu dúas medallas de ouro en exhibición e freestyle, Álvaro López foi prata en exhibición cadete, do mesmo xeito que Sarai Pazos en parellas xunto Ángel López, que ademais conseguiu outra presea de prata.

O resultado puido ser mellor, pero algúns dos deportistas con máis traxectoria nacional e internacional do club non tiveron a súa mellor actuación, como foron os casos de Unai Silva, Sara Cortegoso, Uxía Ogea ou Artai Pazos, que tentará corrixir erros para as súas próximas competicións.