Combarro acolle desde este sábado o encontro anual do Irish Cruising Club (ICC), recibindo a 26 embarcacións e preto dun centenar de tripulantes irlandeses.
Esta novena edición do evento prolongarase até o vindeiro xoves 17 de xullo.
Na xornada inaugural, o alcalde de Poio, Ángel Moldes, deu a benvida á comitiva irlandesa cunha recepción oficial.
Na súa intervención, Moldes destacou a profunda tradición mariñeira do municipio e agradeceu a elección de Combarro como sede. "Aquí sempre atoparedes un porto seguro, bo vento e boa mar", asegurou.
O acto tamén contou coa participación de Manuel Martínez, Capitán do Porto Deportivo, e Peter Haden, Comodoro do Irish Cruising Club.
Ao finalizar a recepción, o alcalde entregou unha placa conmemorativa aos representantes irlandeses, seguida dunha degustación de viño galego.

Desde o Goberno local subliñan a importancia do turismo náutico como motor de internacionalización e diversificación do destino, destacando que o Porto Deportivo de Combarro lidera a provincia en tránsitos, con máis de 600 embarcacións ao ano, a metade delas de orixe estranxeira, consolidando á localidade como un referente no sector.
Peter Haden, en nome do ICC, eloxiou as instalacións do Porto Deportivo e agradeceu o "esforzo organizativo" de Manuel Martínez e o seu equipo. Haden tamén recoñeceu a colaboración do Concello e revelou que, para varios dos participantes, Poio é xa un "segundo fogar", ao ter os seus veleiros amarrados en Combarro durante todo o ano e pasar na zona as súas vacacións de verán.

O Irish Cruising Club, fundado en 1929, é o club náutico máis grande e antigo de Irlanda, con máis de 500 membros. Esta é a novena edición do seu Encontro Náutico Anual, que tivo a súa primeira reunión en 2017 no Real Club Náutico de Portosín.
O amplo programa de actividades para os próximos días permitirá aos visitantes irlandeses coñecer Poio e a súa contorna. Ademais de navegar pola ría de Pontevedra, realizarán diversas visitas, incluíndo unha excursión guiada á illa de Tambo o vindeiro mércores 16.