Combarro volve respirar acuatlón durante un día

Poio
08 de setembro 2019

Máis de 150 deportistas acudiron a Combarro para tomar parte na segunda edición do Campionato Galego de Acuatlón, todos eles pertencentes a 34 clubes diferentes procedentes de distintas zonas de Galicia

Segunda edición do Campionato Galego de Acuatlón en Combarro
Segunda edición do Campionato Galego de Acuatlón en Combarro / Diego Torrado

Máis de 150 deportistas acudiron este domingo a Combarro para tomar parte na segunda edición do Campionato Galego de Acuatlón. Todos eles pertencían a 34 clubes diferentes procedentes de distintas zonas de Galicia.

Anais Rivas (Tríatlon Rías Baixas) foi a gañadora da proba feminina cun tempo de 35:16. Fíxose coa vitoria tras remontar na carreira a pé o minuto de desvantaxe co que saíu da auga. Acompañárona no podio Penélope Martínez (Tríatlon Arteixo) e a súa compañeira Micaela Tatiana Santillán.

Pola súa banda, Martín Carrera (Tríatlon Boiro) proclamouse campión galego de acuatlón tras completar a súa carreira en 30:49. A proba absoluta masculina pechou o seu cadro de honra coa segunda praza de Adrián Haz e con Dennis Incutti (Tríatlon Boiro), que foi terceiro.

No referente ao percorrido, foi o mesmo que o do pasado ano con saída na Praza da Chousa e carreira ao longo do casco antigo, de maior ou menor traxecto dependendo da categoría dos competidores.

Os primeiros en meterse na auga foron os nadadores benxamíns ás 11:00 horas. A partir desta proba foron tomando o relevo os deportistas das categorías sucesivas ata as 13:00 horas, cando comezaron os absolutos (1.000 metros de natación e 5.000 de carreira a pé).

A continuación procedeuse á entrega de premios aos tres primeiros de cada categoría. Ademais destes, tamén se deu un agasallo de cortesía a todos os atletas que se inscribiron na proba.

Os resultados deste campionato galego de acuatlón pódense consultar nesta ligazón.

Chamados pola actividades variadas que se dispuxeron nas zonas próximas á competición, multitude de persoas acudiron á parroquia poiense para gozar do mesmo xeito que os participantes da cita, que ten todo de fronte para converterse nunha das fixas do calendario deportivo de Combarro.