A Rara, pero San Silvestre segue en marcha. Nove tendas de Pontevedra participan desde este xoves nunha campaña posta en marcha polos organizadores deste evento solidario co obxectivo de recoller produtos non perecedoiros para o Banco de Alimentos de Pontevedra e, ao mesmo tempo, dar a coñecer ás familias comercios dos que non eran clientes habituais.
Para dar visibilidade á campaña, a concellería de Deportes iniciou a distribución de camisetas promocionais da clásica de final de ano entre os establecementos adheridos que as persoas rexistradas poderán pasar a recoller a cambio dun quilogramo de alimentos non perecedoiros.
As tendas son: Naturcamiñ@ (situada na praza Peregrina, 3), Miler (rúa Peregrina, 6), Atmosfera Sport Pontevedra (rúa Cruz Gallástegui, 10), Mozo' s Sport (Galerías Oliva, 14), Aquadance (rúa Frei Juan de Navarrete, 11), Chema Sport (rúa Benito Corbal, 14), O Porto Bike Work Shop (rúa Domingo de Andrade, 1), Goleada (rúa Fernando Olmedo, 4), Txustta (rúa Peregrina, 66) e Soccerfactory (rúa Cobián Roffignac, 11).
Coa intención de facer descubrir aos usuarios as distintas tendas participantes, o departamento de Deportes decidiu repartir as camisetas por tallas, de modo que cada un dos establecementos terá unha soa talla de camisetas.
Na tenda Goleada, onde recolleu a súa camiseta a cambio da súa achega de comida, o titular de Deportes, Tino Fernández, explicou que "a data límite para depositar estas achegas e recoller o agasallo é o 30 de xuño". Con todo, para recollelo é necesario dicir o nome e dirección de correo electrónico co que o usuario se inscribiu na proba.
Nunha mostra de implicación coa campaña, Soccerfactory anunciou que dobrará a cantidade de comida que reciba en favor do Banco de Alimentos.