Cómodo triunfo do Teucro (33-23) sobre Maristas Algemesí

Pontevedra
20 de setembro 2014

Os pontevedreses foron netamente superiores ao seu rival, aínda que deberon esperar a segunda parte para certificar unha vitoria que puido ser aínda máis ampla. O equipo azul deixa excelente sensacións, ademais de mostrar un variado repertorio de recursos

Partido entre Teucro e Maristas Algemesí no Pavillón Municipal
Partido entre Teucro e Maristas Algemesí no Pavillón Municipal / Diego Torrado

Abondaron dez minutos de intensidade defensiva e rapidez nas accións con balón para que o Teucro encarrilase un partido cómodo, fronte a un Maristas Algemesí que aproveitou o despiste con que saíu o cadro azul á pista para tomar a iniciativa nos primeiros instantes.

O 3-5 que reflectía o marcador no minuto 10 de partido fixo pedir un temperán tempo morto o técnico local, Quique Domínguez. Foi suficiente para que os seus espertasen e cun parcial de 5-0 en pouco máis de sete minutos, desen a volta ao luminoso, facendo valer a súa superioridade técnica, tanto colectiva coma individual.

Se o partido quedaba relativamente aberto ao chegar ao descanso foi unicamente debido aos erros locais nas xogadas de ataque, máis que a mérito dun rival no que unicamente o seu porteiro, Dani Arguillas, e o pivote Luisma Lorasque, deixaban mostras de posuír o nivel mínimo para a categoría.

Por se fose pouco, a profundidade de banco teucrista fixo o resto. Quique dodificou os minutos dos seus homes, mentres o cadro levantino ía acusando o esforzo. E a diferenza comezou a crecer. Tanto que no minuto 50 de partido (20-13) a única incógnita era saber ata onde chegaría o marcador final.

Os minutos que faltaban foron un paseo. O Teucro gustouse e empezou a buscar o lucimento, mentres o seu técnico aproveitaba para repartir minutos entre todos os seus homes.

Puido ser de escándalo, pero o conxunto azul non quisó afondar demasiado na ferida do rival. Os quince minutos finais sobraron, pero o que se vira foi suficiente para pensar que esta tempada parece haber equipo para facer grandes cousas.

SD TEUCRO (33): Ricardo Amérigo; David García Pichel (3), Gonzalo Carró (1), Carlos García (5, 2 de penalti), Borja Pedreira (3), Dani Hernández (6, 3 de penalti), Edu Moledo (3) -sete inicial-, Héctor Gil, Santiago Gómez, Carlos Pombo (1), David Chapela (1), Adrián Pumar (3), Marcos Dorado (4), Víctor Rodríguez (2), Iván Fernández (1) e Jose Carlos Ameijeiras.

MARISTAS ALGEMESÍ (23): Dani Arguillas; Vicente Botella, Vicente Benito (3), Vicente Tortajada (1), Carlos Esquer (2), Juan Agustín (6, 4 de penalti), Luisma Lorasque (8) -sete inicial-, Salva Sales, Gerardo Borrás (1), José Andrés Marco (2), Jorge Quiles e José Carlos Moreno.

Árbitros: Jordi Ausas Busquets e Miquel Florenza Virgili (Cataluña). Excluíron por dous minutos a Gonzalo Carró, Dani Hernández e Víctor Rodríguez, polo Teucro, e a Vicente Benito (2), polo conxunto visitante.

Marcador (cada cinco minutos): 3-2, 3-4, 6-5, 9-6, 11-8, 13-10 (descanso), 17-13, 20-13, 24-16, 28-19, 32-20 e 33-23 (final).

Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 350 espectadores.