O Poio Pescamar goleou na matinal deste domingo a un Rubí que continúa en crise. O conxunto conserveiro dominou o encontro de principio a fin para sumar tres importantes puntos que lle permiten seguir pelexando por entrar nos postos de play-off.
Desde os primeiros compases, o equipo local tomou as rendas do partido. Tras un primeiro disparo de Sandra Navarro aos 30 segundos de partido, no que obrigou a Elena a intervir, o Poio Pescamar fíxose dono do esférico e pasou a acumular chegadas en campo dun Rubí que defendía en bloque abaixo e sobrevivía como podía.
Puido abrir o marcador Ale de Paz tras unha gran combinación do seu equipo, pero foi Laura Uña a que, cun potente chute desde fóra da área, adiantou ao seu equipo. Segundos despois, Èlia fixo o segundo, cun pouco de fortuna, xa que o seu disparo deu en Élida e cambiou a traxectoria do esférico.
Continuou asediando a portaría visitante o Poio Pescamar por medio de Rocío, Irene García, Èlia e Ale de Paz, mentres que o Rubí buscaba, en balde, reducir distancias a balón parado.
A que acertou, en cambio, foi Martita aos 14 minutos de xogo. Laura Uña roubou en campo rival deixou o balón á súa compañeira, que rematou para subir o 3-0.
Ao fío do descanso, o Rubí puido recortar diferenzas, pero Elena, cunha dobre intervención, evitouno.
Tras do paso polos vestiarios o guion do encontro non cambiou e o Poio seguiu dominando e acumulando ocasións por medio de Laura Uña e Ale de Paz.
Con todo, foi o cadro barcelonés o que reduciu distancias cando menos esperábase. Arantxa iniciou un contragolpe e puxo o esférico ao segundo pau, onde apareceu Ruth para pór o pé e sorprender ao Poio.
Acto seguido volveu á carga o conxunto conserveiro cunha dobre ocasión da xogadora cántabra. A primeira foi un remate de cabeza entre o tres paus, pero Élida puxo a man para evitar o gol. Penalti e expulsión. Uña disparou desde a pena máxima, pero Anna Muniesa meteu o pé para desviar a saque de banda.
Aguantou o Rubí cunha menos o asedio local, pero nada máis recuperar á súa xogadora, o Poio ampliou a diferenza tras unha combinación entre Chuli e Martita que esta última transformou no 4-1. Pouco despois, Laura Uña tivo o quinto do seu equipo a pase de Èlia, pero a madeira evitouno.
Entrou entón o encontro nos últimos dez minutos e o equipo visitante apostou polo xogo de cinco, pero os locais pecháronse en banda e evitaron calquera acción de perigo dun rival que viu como a cántabra se volveu a topar co pau tras un disparo desde campo propio a portaría buxán.
Co partido controlado, o Poio Pescamar dedicouse a conservar a posesión e deixar que o tempo se esgotase, deixando en casa tres puntos que lle permiten recuperar sensacións para seguir na pelexa polo cuarto posto.
Consulta a acta neste enlace