Competición desestima os recursos por Miguel e Bonilla, que serán baixa ante o Tudelano

Pontevedra
22 de marzo 2017

Luisito verase obrigado a recompoñer a liña defensiva para o choque do próximo domingo pola sanción de ambos os futbolistas, confirmada polo Xuíz Único de Competición, que deixa ao equipo con só un lateral puro dispoñible

Miguel Loureiro nun adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe
Miguel Loureiro nun adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe / Mónica Patxot

O Xuíz Único de Competición da Segunda División B confirmou este mércores as sancións a Miguel Loureiro e Bonilla, que desta forma causarán baixa no encontro do próximo domingo (17:00 horas) ante o Tudelano no Estadio Municipal de Pasarón.

Estas ausencias provocan un problema importante para Luisito, que deberá recompoñer a liña defensiva do equipo ao non poder contar cos seus dous laterais titulares habituais e deixando só un especialista dispoñible nesta posición, Adrián Gómez.

O Pontevedra presentou recurso en ambos os casos, pero o Xuíz Único desestimou os argumentos do club granate, que achegara probas videográficas. 

Para o responsable de Competición non foi suficiente o argumento do Pontevedra xa que "non é posible revogar unha decisión arbitral invocando unha discrepancia na interpretación das Regras do xogo, cuxa competencia única, exclusiva e definitiva corresponde ao colexiado", sinala no seu fallo o Xuíz, engadindo que "das imaxes despréndese que as accións do xogadores Don Javier Bonilla Sevillano e Don Miguel Loureiro Ameijenda resultan compatibles coa descrición dos feitos que se contén no acta arbitral".

No caso de Bonilla, amoestado por "simular ser obxecto de infracción", a resolución establece que é imposible probar unha "hipotética desestabilización provocada por un adversario", tal e como defendía o club pontevedrés, polo que mantén o seu cartón amarelo e deberá cumprir un partido de sanción ao ser a décima da tempada.

Pola súa banda Miguel Loureiro, expulsado por unha acción de xogo que o colexiado viu como ocasión manifesta de gol, tamén foi castigado cun encontro de suspensión ao entender Competición que a valoración de "manifesta" corresponde unicamente ao árbitro do partido desde a súa "privilexiada" vista no propio terreo de xogo.

Tamén o Tudelano viuse afectado esta semana as sancións, no seu caso a do centrocampista Álvaro Corral, expulsado no partido ante o Celta B e que non poderá estar co seu equipo en Pasarón.