Competición fixa o partido aprazado entre Pontevedra e Guijuelo para o mércores 10 de febreiro

Pontevedra
29 de xaneiro 2021

O encontro, que debía disputarse o día 10 de xaneiro no Estadio Municipal de Pasarón foi aprazado no seu día debido ao temporal de neve que afectou á Península. Deberá celebrarse a porta pechada

Estadio Municipal de Pasarón
Estadio Municipal de Pasarón / Mónica Patxot

Por fin hai data para o partido aprazado entre Pontevedra Club de Fútbol e Club Deportivo Guijuelo, suspendido no seu día debido ao temporal de neve que arrasou a Península e que dificultada o desprazamento do conxunto castelán-leonés.

O duelo debía terse celebrado o pasado 10 de xaneiro no Estadio Municipal de Pasarón, pero finalmente terá lugar o vindeiro mércores 10 de febreiro (17.00 horas), segundo confirmou este venres o Comité de Competición da Real Federación Española de Fútbol.

A nova data para este partido, correspondente á última xornada da primeira volta da liga, converteuse nun pequeno culebrón ante a falta de acordo entre clubs, primeiro, e o gromo de covid que afectou o Guijuelo días despois, e que tamén obrigou a pospoñer as súas seguintes xornadas fronte a Celta B e Zamora.

De feito o conxunto chacineiro non puido regresar aos adestramentos ata esta mesma semana, unha vez que o plantel tras estar varios días illado someteuse a unha rolda de probas PCR con resultado negativo fóra da realizada a un xogador, que segue en corentena.

Ao recuperarse esta xornada antes de que conclúa o prazo inicial dado pola Xunta para as actuais restricións que imperan en Galicia, o encontro deberá disputarse a porta pechada, tendo lugar para o Pontevedra entre a visita do Zamora a Pasarón (7 de febreiro) e o choque a domicilio fronte ao Salamanca CF  UDS (14 de febreiro).