Competir no Campionato de España de Natación Artística, un oasis para o Galaico Sincro

Pontevedra
21 de marzo 2022

O club pontevedrés deixou uns días de lado a preocupación polo peche da piscina olímpica para competir durante a fin de semana en Lloret de Mar no Nacional Alevín e Infantil

Equipo alevín do Galaico Sincro no Campionato de España en Lloret de Mar
Equipo alevín do Galaico Sincro no Campionato de España en Lloret de Mar

Despois duns días moi complicados polas dúbidas xeradas polo peche da piscina olímpica de Ponte Muíños, o Galaico Sincro centrouse esta fin de semana na competición participando no Campionato de España Alevín e Infantil de Inverno de Natación Artística celebrado na localidade catalá de Lloret de Mar.

Coma se dun oasis tratásese no medio do deserto, e tras poder adestrar durante a semana na piscina da Escola Naval de Marín, o club pontevedrés acudiu á cita con 12 deportistas, seis deles en idade alevín (Deva, Mariña, Lucía, Iria, Iván e Clara) e outras seis nadadoras en categoría infantil (Nayeli, Claudia, Alicia, Ariadna, Antía e Daniela).

O principal obxectivo do club era conseguir meterse entre os 16 mellores en idade infantil para así clasificarse para o Nacional de Verán, e fíxoo conseguindo o pasaporte para a competición que se celebrará en xuño en Gran Canaria.

A nivel individual destacou o posto logrado por Daniela Suarez, ao ser 14ª de 340 participantes gañándose o dereito para participar nas probas de acceso á Selección Española Infantil. A pontevedresa foi elixida para unha concentración nacional que se desenvolverá entre os días 4 e 8 de abril para preparar próximas competicións internacionais, unha cita na que estará outra nadadora galega, Blanca Fidalgo (RCN Vigo).