Con todo o plantel 'enchufado' para recibir ao Valladolid B

Pontevedra
11 de marzo 2017

O Pontevedra só conta coa baixa de Iker Alegre, que encara a fase final de recuperación da súa lesión e está preto de recibir a alta médica, para o choque deste domingo (17:00 horas) ante o Real Valladolid B, rival directo na loita pola cuarta praza. O técnico convocou a todos os dispoñibles e realizará os descartes oportunos no propio Estadio Municipal de Pasarón

Adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe
Adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe / Mónica Patxot

As baixas non serán un problema para o Pontevedra no importante partido deste domingo (17:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón ante o Real Valladolid B, rival directo na loita pola cuarta praza.

Tras iniciar a semana con dous futbolistas entre algodóns, Kevin Presa e Jacobo, ambos evolucionaron positivamente das súas respectivas molestias e estarán a disposición do técnico.

Desta forma só Iker Alegre, que encara a fase final de recuperación e está preto de recibir a alta médica, perderá o duelo por lesión. Tampouco haberá sancionados, recuperando tras unha xornada de suspensión a Jacobo Trigo.

Ante esta situación, con 20 xogadores en disposición de entrar na convocatoria, Luisito citou a todos os dispoñibles tralo adestramento celebrado este sábado en Pasarón e realizará dous descartes pouco antes do choque.

O bo momento dos granates contrasta coa crise de resultados que atravesa o filial valisoletano, que encadena catro xornadas sen gañar e que non vence a domicilio desde o 27 de novembro ante o Tudelano, unhas cifras das que non se fían no Pontevedra.

Para animar a previa do encontro, a Agrupación Norte 1941 organiza no acceso de Tribuna unha 'sesión vermú' desde as 12:00 horas. Ademais o equipo granate saltará ao campo con camisetas de apoio á campaña de recaudación de fondos para a investigación sobre a biopsia líquida.

O colexiado do encontro será o tinerfeño Alexander González González.