Con todos a punto para o tramo decisivo da tempada

Pontevedra
01 de abril 2015

Pedro García xa conta coa alta médica superados os problemas musculares que lle apartaron case dous meses dos terreos de xogo. Só Capi segue a menor ritmo por precaución para evitar unha segunda recaída

Capi e Campillo facendo traballo de recuperación en Pasarón
Capi e Campillo facendo traballo de recuperación en Pasarón / Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbol conta as xornadas que restan para asegurarse o seu primeiro obxectivo da tempada, a presenza matemática no play-off de ascenso.

Con sete xornadas por disputarse, 21 puntos en xogo, os granates poderían clasificarse para a fase de ascenso esta mesma fin de semana, pero o primeiro posto deberá esperar polo menos unhas semanas máis, a pesar dos 11 puntos de vantaxe que os granates teñen con respecto ao segundo, o Cerceda.

Sen embargo o máis positivo para Luisito e os seus xogadores é que o tramo decisivo da tempada chega coa enfermaría baleirándose dos seus últimos inquilinos.

Pedro García recibiu esta semana a alta médica tras superar os problemas musculares que lle apartaron da competición durante case dous meses, polo que o centrocampista está plenamente reincorporado na dinámica de grupo e podería entrar xa na convocatoria ante o Barbadás (domingo 17:00 horas en Pasarón).

Tamén Capi está practicamente recuperado, pero no caso do central quérese actuar con maior precaución para evitar unha segunda recaída que o afaste dos terreos de xogo por un período máis longo.

XORNADA ATÍPICA EN TERCEIRA DIVISIÿN

O encontro entre Pontevedra e Barbadás será un dos tres únicos partidos que se disputará o domingo 5 de abril, xunto ao Deportivo B-Boiro e o Bergantiños Bertamiráns.

Aproveitando os festivos de Semana Santa o resto de choques adiántanse ao xoves 2 de abril, incluíndo o Sanxenxo-Silva (17:00 horas), Ribadumia-Areas (18:00 horas) e Cerceda-Arosa.