Condenados a pagar máis polas viaxes ante a pouca previsión de Asobal

Pontevedra
14 de outubro 2015

Varios clubs, entre eles o Teucro, queixouse formalmente ante a liga pola escasa marxe de tempo coa que se confirma o horario dos partidos. "Es imposible comprar billetes baratos con 15 días de antelación", defenden na entidade azul, que só este mes afronta catro desprazamentos  

Quique Domínguez no banco do Teucro ante o Ciudad Encantada
Quique Domínguez no banco do Teucro ante o Ciudad Encantada / Diego Torrado

Competir na elite está a ter un custo extra no económico para a Sociedad Deportiva Teucro co que non contaba cando os xestores da entidade planificaron a tempada.

Todo pola falta de previsión á hora de confirmar o horario dos partidos, que provoca organizar as viaxes para os choques fóra da casa sen apenas tempo.

Detrás de todo atópase o acordo televisivo con Movistar +, porque é a plataforma a que atrasa a confirmación das datas ata indicar que partido televisará e cales entrarán no carrusel que ofrece cada fin de semana.

Esta situación provocou a queixa de varios clubs, entre eles o Teucro, á Liga Asobal.

Carlos García-Alén: "Es imposible comprar billetes baratos con 15 días de antelación"

"Es imposible comprar billetes baratos con 15 días de antelación. Estamos condenados al viaje en autobús", explicou hai uns día o presidente azul, Carlos García-Alén.

Poñendo o exemplo do próximo partido, fixado para o sábado ás 20:30 horas en Granollers, "si hubiésemos comprado 15 días antes los billetes los hubiésemos sacado por poco más de 1.000 euros", sinala o dirixente pontevedrés.

Só no mes de outubro, o Teucro debe asumir catro desprazamentos, tres de liga (Benidorm, Granollers e Villa de Aranda) e un de Copa do Rei a Irún.