Confirmadas as datas e primeiros detalles do Mundial Multideporte de tríatlon 2025

Pontevedra
20 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O Concello de Pontevedra acolleu este mércores a constitución do comité organizador do evento, confirmado que se celebrará entre os días 20 e 29 de xuño

Constitución do comité organizador do Campionato do Mundo Multideporte 2025
Constitución do comité organizador do Campionato do Mundo Multideporte 2025 / Mónica Patxot

Falta máis dun ano, pero Pontevedra empeza a traballar pensando no Campionato do Mundo Multideporte de tríatlon que organizará en 2025.

Será a segunda vez que a Boa Vila acolla este gran evento, que aglutina os mundiais de dúatlon, acuatlón, aquabike, tríatlon de longa distancia, tríatlon cros e dúatlon cros.

O Concello foi escenario este mércores da constitución do comité organizador dos campionatos, cunha reunión na que estiveron presentes ademais do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, a presidenta da World Triathlon, Marisol Casado; o presidente da Federación Española de Tríatlon, José Hidalgo; o director xeral para o Deporte en funcións da Xunta de Galicia, José Ramón Lete; e o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez.

Tras o encontro desveláronse algúns detalles do evento, como as datas escollidas para o mesmo e que irán "do 20 ao 29 de xuño de 2025", confirmou o alcalde.

"É un evento deportivo que move moitísima xente", afirmou o rexedor avanzando que o orzamento para o mesmo será "máis ou menos de 2,5 millóns de euros", para o que "esperamos contar con patrocinios coma pasou nas Series Mundiais".

No que respecta a as previsións de participación e asistencia "Pontevedra 2025 tiene como reto superar a Pontevedra 2019 porque sus números son los que siguen siendo referencia", asegurou o presidente da Federación Española. Por aquel entón foron preto de 4.000 os deportistas que competiron na Boa Vila, e agora "prevemos estar por encima de las 12.000 personas entre participantes y acompañates", sinalou José Hidalgo.