Contra as lesións, ilusión teucrista na Copa do Rei

Pontevedra
06 de marzo 2018

Só 120 minutos separan o Teucro da Final a 8 da Copa do Rei, unha eliminatoria a dous partidos ante o Guadalajara que terá o seu primeiro envite este mércores (20:45 horas) no Pavillón Municipal dos Deportes. Os azuis agardan recuperar para a cita ao seu máximo artilleiro, Yoan Balázquez

Balázquez, nun adestramento do Teucro no Municipal
Balázquez, nun adestramento do Teucro no Municipal / Mónica Patxot

120 minutos separan á Sociedad Deportiva Teucro da Final a 8 da Copa do Rei de balonmán que se disputará do 4 ao 6 de maio no Madrid Arena. Dous partidos e un duro rival ao que superar, o Guadalajara.

Os azuis apelan á ilusión para superar a praga de lesións que atravesan e lograr un bo resultado este mércores (20:45 horas) no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra que lle permita viaxar dentro dunha semana ao encontro de volta coas súas posibilidades intactas.

"Siendo sinceros no nos llega en el mejor momento", recoñece Quique Domínguez sobre a eliminatoria, que intercalarase con dous duelos en liga "muy importantes" ante Huesca e Puente Genil.

Ademais "para complicarlo todo un poco más" dous xogadores regresaron de Puerto Sagunto con molestias no xeonllo, como son Juan Quintas e Iván Fernández, "que tampoco sabemos si van a poder participar", explicou o técnico teucrista.

Máis aló das dúbidas de Quintas e Iván Fernández, o Teucro seguirá contando coas baixas de Carlos García, Óscar Silva e Rial, aínda que confía en recuperar para a cita ao seu máximo artilleiro, Yoan  Balázquez, que adestra co equipo desde o inicio da semana.

Todo iso con todo quedará ao carón cando de inicio o choque, xa que "la copa es una competición que nos gusta", recalca Domínguez.

O plantel súmase tamén a este discurso recoñecendo que aínda que "nuestro principal objetivo es la liga", explica Iván Fernández, "ahora que hemos llegado hasta aquí vamos a pelear por estar en la fase final de Madrid".