Contra o Guijuelo e a gripe no primeiro partido do ano

Pontevedra
07 de xaneiro 2017

A gripe minguou ao plantel do Pontevedra antes de enfrontarse este domingo (17:00 horas) ao Guijuelo no Estadio Municipal de Pasarón no arranque da segunda volta da competición ligueira

Adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe
Adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe / Mónica Patxot

Tres semanas despois o Pontevedra Club de Fútbol volve á competición recibindo este domingo (17:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón ao Club Deportivo Guijuelo.

Será un partido cheo de incógnitas, por saber como afectou aos granates o longo parón de Nadal e tamén polo rendimento do seu rival, inmerso na loita pola salvación pero con potencial para escalar postos na táboa.

No Pontevedra, que quere manter a súa imbatibilidade en casa, un dos maiores protagonistas da semana foi o virus da gripe, que minguou ao plantel e provocará varias baixas no primeiro partido do ano.

Os máis afectados foron Gonzalo e Jacobo Millán, pero non foron os únicos, ao que se suman os problemas físicos que arrastrou David Añón, con molestias no seu nocello.

Luisito, que deu descanso aos seus xogadores o Día de Reis antes de afrontar este sábado a última sesión preparatoria da semana, esperará ata o último momento, como é habitual nos encontros da casa, para confeccionar a convocatoria.

Tamén chegará con baixas o Guijuelo, que non poderá contar para a cita con Ayub, lesionado de longa duración, Granell e os centrocampistas Jonxa Vidal e Néstor Gordillo.

O colexiado do encontro será o madrileño Miguel Ángel Ortiz Arias, que xa arbitrou esta campaña ao Pontevedra na derrota (3-0) ante a Cultural Leonesa.