Sen apenas problemas sumou a súa terceira vitoria consecutiva un CB Arxil que se mantén na zona media da clasificación. As pontevedresas asinaron unha espectacular primeira metade na que deixaron o choque finiquitado cun 51-24 no marcador. No terceiro período, a vantaxe local superou rapidamente os trinta tantos para goce da súa afección.
Foi un partido completo de todo o equipo, cun absoluto dominio baixo ambos os taboleiros, logrando nada menos que 50 rebotes, 21 máis que as estremeñas, 25 dos cales foron rebotes ofensivos, que se traduciron en 16 tiros máis a canastra.
Aínda por riba, as de Mayte Méndez situaron nada menos que a 7 xogadoras con dobres díxitos de valoración, destacando o +19 que asinou Ana María Román (15 puntos, 6 rebotes, 1 asistencia e 3 tapóns).
O 26-13 con que se pechou o primeiro parcial avisaba xa do que ía suceder. As pontevedreses seguiron firmes, logrando un contundente 25-11 no segundo cuarto, para irse ao descanso cun claro 51-24.
Ao regreso de vestiarios, as rotacións fixeron descender o nivel anotador das verdes, que aínda así seguiron ampliando diferenzas (14-8 no terceiro cuarto), para unicamente ceder por relaxación no último parcial por un mínimo 12-13, ata deixar o marcador final nese contundente e xusto 77-45 final.