Convocada de urxencia a comisión contra a violencia tras a agresión ao avó dun árbitro en Sanxenxo

Sanxenxo
16 de decembro 2024

A xuntanza será este martes 17 de decembro ás 10.30 horas para tratar exclusivamente o suceso que se rexistraba no partido de categoría cadete feminina entre o Sanxenxo Balonmán e o Rasoeiro BM

José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte
José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte / Xunta de Galicia

A Secretaría Xeral para o Deporte reaccionou ante o grave incidente acontecido este domingo no pavillón de Vilalonga, convocando unha xuntanza extraordinaria da Comisión Galega de Control da Violencia.

A décimo quinta xuntanza da Comisión terá lugar mañá martes, 17 de decembro, ás 10:30 horas, cunha orde do día centrada exclusivamente nos feitos acontecidos durante o partido de categoría cadete feminina entre o Sanxenxo Balonmán e o Rasoeiro BM.

Nese partido un espectador na bancada agrediu o avó do árbitro, causándolle graves lesións.

O secretario xeral para o Deporte e presidente da Comisión, José Ramón Lete Lasa, manifestou a condena "profunda" do Goberno galego ante este suceso e subliñou a necesidade de "mandar unha mensaxe clara de tolerancia cero fronte a calquera conduta violenta no deporte".

Lete Lasa fixo fincapé na "responsabilidade na salvagarda dos valores esenciais no deporte" que, segundo a Lei 3/2012 do Deporte de Galicia, compete tanto aos clubs e federacións como ás entidades organizadoras de competicións e espectáculos deportivos.

A Xunta de Galicia, a través da Comisión Galega de Control da Violencia, comprométese a "traballar día a día para que ningún suceso violento quede impune".

Ademais, a administración galega transmite os seus desexos dunha pronta recuperación ao afeccionado ferido e lamenta que está acción se teña producido no ámbito do deporte base.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora