Convocan as axudas para as escolas deportivas municipais da tempada 2022-2023

Pontevedra
09 de maio 2022

Ademais destas axudas, o goberno municipal segue traballando para poñerse ao día coas axudas directas aos clubs. Así, en próximas semanas, convocarase a subvención anual de 300.000 euros correspondente á tempada 2020-2021. Esta subvención pagarase, segundo Fernández, "sobre novembro e decembro"

Escola municipal de atletismo
Escola municipal de atletismo / Mónica Patxot

Uns 250.000 euros destinará o Concello de Pontevedra ás subvencións das escolas deportivas municipais da tempada 2022-2023. A convocatoria destas axudas e as bases que regulan a súa concesión foron aprobadas este luns pola Xunta de Goberno.

Estas subvencións, como é habitual, repártense en tres apartados. Haberá 205.000 euros para as escolas deportivas orientadas á poboación escolar, 30.000 euros para as escolas deportivas no rural e 15.000 euros para as escolas para grupos especiais.

O edil de Deportes, Tino Fernández destacou que "moi poucas cidades" teñen unha oferta "coa variedade e calidade deportiva" de Pontevedra, algo que achacou ao traballo "fundamental e desinteresado" dos clubs e da "masa crítica" que o demanda.

Ademais destas axudas, o goberno municipal segue traballando para poñerse ao día coas axudas directas aos clubs. Así, en próximas semanas, convocarase a subvención anual de 300.000 euros correspondente á tempada 2020-2021.

Esta subvención pagarase, segundo Fernández, "sobre novembro e decembro", o que permitirá que "case esteamos ao día despois duns anos de atraso".

Ao longo de 2023, engadiu o responsable municipal de Deportes, os clubs cobrarán outras dúas subvencións, as correspondentes ás tempadas 2021-2022 e 2022-2023, o que definitivamente acabará coas demoras nos pagos destas axudas.