A ría de Arousa enche de competición coa celebración da Copa de España de ILCA 6 de Vela.
O evento nacional organizado pola Real Federación Galega de Vela arrinca este xoves 9 de outubro.
Farao coa xornada oficial dedicada a medicións e rexistro de participantes, e será o venres cando os regatistas se boten á auga para disputar as primeiras probas.
Serán en total 159 deportistas nacionais e internacionais, xa que se inscribiron regatistas de Suíza, Portugal, Estonia, Panamá e Guatemala.
"É extraordinario ter aquí en Vilagarcía a Copa de España de ILCA 6, unha clase olímpica en categoría feminina na que teremos os e as mellores deportistas de España e outros países estranxeiros. Esperamos que gocen non só do evento na ría, senón tamén de Vilagarcía e que leven un bo recordo", afirmou na presentación da regata o concelleiro de Deportes de Vilagarcía, Carlos Coira.
O evento foi presentado este martes no Centro Galego de Vela.
"Estamos ante unha das grandes citas anuais que esta Real Federación Galega de Vela organiza de maneira anual, debido ao volume de participación e do seu nivel, explicou o vicepresidente federativo, Pedro Piñeiro.
Serán en total un máximo de nove regatas ao longo das tres xornadas que durará o campionato, con final previsto o domingo día 12.