A Copa Galicia de Boxeo regresa a Marín coa súa cuarta edición

Marín
28 de febreiro 2025

A Cañota acollerá dez combates de categoría NeoProfesional nos pesos superwelter, medio e pesado. As entradas pódense adquirir contactando cos clubs participantes e no Nao e Five Sport.

Cuarta edición da Copa Galicia de boxeo na Cañota
Cuarta edición da Copa Galicia de boxeo na Cañota /

O mellor evento de boxeo por seleccións que se disputa en Galicia regresa a Marín o próximo 8 de marzo pola porta grande.

A Copa Galicia de Boxeo volverá encher A Cañota, a que foi a súa sede desde os inicios, cun nutrido grupo de seleccións de norte e sur que loitarán por levar o trofeo.

Nesta ocasión e como novidade, será un evento integramente en categoría NeoProfesional con 7 combates a 3 rounds e 3 combates a 5 rounds nos pesos superwelter, medio e pesado.

Por parte do Team Thunder a campioa de España Schoolboy Noa Vincelle, medirase a unha boxeadora luguesa como aperitivo da competición.

Xa dentro do cartel, Cristian Santos aparecerá no evento no seu debut NeoPro ante un vello coñecido da afección marinense, o noiés Daniel Díaz "El Gorras".

Estréase na Copa a fichaxe revelación do club marinense, Xabi Abal, que tras conquistar o Open Vila de Marín e o torneo internacional Porto Box Cup, chega a este evento para facer o seu debut a 5 asaltos polo cinto de campión NeoProfesional do superwelter ante Manu Castro, do Club de Loita Noia.

Pola súa banda, no semi fondo, Raúl Loira terá a súa oportunidade de coroarse campión galego NeoPro do peso pesado ante Gorka Papín, do Azteca Box. En novembro o marinense gañou o boxeador coruñés no seu propio feudo e agora terán o desquite co título en xogo.

Para pechar a competición volverá ao ring Aarón González para medirse a Carlos García, quen será o seu rival para a cuarta defensa do cetro galego NeoProfesional. Con este combate tamén se pecha a disputa da Copa Galicia, polo que o gañador terá dobre premio.

Ademais dos boxeadores do Thunder, tamén estarán boxeadores da zona como Anxo Martínez, que tras proclamarse campión nacional mozo, boxeará en Marín ante Juan "El Cóndor" Sanmartin, do Club BanBan de Santiago de Compostela.

Os combates previos comezarán ás 17:00 horas e a Copa Galicia ás 18:00 horas.

As entradas poderanse adquirir contactando cos clubs participantes e no Nao e Five Sport.