O Pontevedra Club de Fútbol xa coñece o camiño que lle espera nos dous próximos meses, competindo na fase pola permanencia na que será a Segunda RFEF, cuarta categoría do balompé nacional.
A Real Federación Española de Fútbol deu a coñecer os calendarios da segunda fase da tempada, á que os granates chegan con máis urxencias das esperadas tras caer na última xornada da primeira fase no campo do pechacancelas Guijuelo.
Sen tempo para lamentarse o primeiro encontro da liguiña pola permanencia celebrarase xa esta próxima fin de semana, o domingo 4 de abril (17.00 horas), e farao para o Pontevedra cun partido en casa, no Estadio Municipal de Pasarón, fronte ao Covadonga, que atesoura 14 puntos polos 21 dos de Luisito.
Serán un total de oito xornadas, todas ante conxuntos asturianos, que dirimirán os equipos que descederán a Terceira, cinco dos oito do grupo directamente e o sexto dependendo da puntuación do resto de grupos. Con este panorama os granates parten con 21 puntos na cabeza empatados con Oviedo B, a un só punto do descenso directo que marcan Coruxo e Lealtad con 20. Despois aparecen Salamanca CF UDS con 19 puntos, Sporting B con 16, Covadonga con 14 e Guijuelo con 12.
Na segunda xornada o Pontevedra visitará ao Sporting B, para recibir despois o Lealtad e visitar o Oviedo B. Precisamente ante o filial ovetense pecharase a segunda fase, o 23 de maio en Pasarón.
Consulta aquí o calendario completo da segunda fase da liga para o Pontevedra Club de Fútbol.