Cuntis vibra coa XI Ruta do Lacón

Umia
18 de maio 2025

Adrián Benedito e Natalia Fischer foron os gañadores da proba, segunda cita puntuable para a Copa de España de XC Maratón

Podio da undécima edición da Ruta do Lacón de Cuntis
Podio da undécima edición da Ruta do Lacón de Cuntis / Federación Española de Ciclismo

Cuntis converteuse este sábado no epicentro do ciclismo de montaña nacional ao acoller a undécima edición da Ruta do Lacón, segunda cita puntuable para a Copa de España de XC Maratón e unha das competicións máis destacadas do calendario nacional.

O exixente trazado, deseñado polo Club de Montaña Xesteiras, puxo a proba a resistencia e a técnica dos ciclistas, que percorreron as paraxes do municipio e os seus arredores.

A proba masculina disputouse sobre unha distancia de 76 quilómetros, cun desnivel acumulado de 2.500 metros, incluíndo as ascensións ao Monte Xesteiras, Castro Arcos, Castro Sebil e Cádavo.

Pola súa banda, as ciclistas afrontaron un percorrido de 66 quilómetros e 2.200 metros de desnivel, omitiendo a subida final a Cádavo.

Adrián Benedito, líder da Copa de España en categoría Sub-23 e segundo na absoluta, cruzou a meta en primeiro lugar, seguido por Francisco Herrero e Javier González.

Na categoría feminina, a favorita á vitoria e gañadora final foi Natalia Fischer, mentres que Lara Lois e Tamara Seijas completaron o podio.

Ademais dos vencedores absolutos, a Ruta do Lacón tamén premiou aos mellores clasificados nas demais categorías.

Adrián García gañou a elite; Adrián Benedito e María Reyes Murillo, a Sub-23; Manuel Ángel Parada quedou en primeiro lugar na M30; Manuel Casuso e Saelma Coelho, na M40; Antonio Rodríguez e Angélica García gañaron a M50, e Manuel Bugallo a M60.