Da man de Álex Chan o Cisne acaricia o ascenso tras impoñerse (33-31) ao BM Carabanchel

Pontevedra
16 de maio 2015

Un só punto separa o Cisne do ascenso á División de Honra Prata. A vitoria sobre o BM Carabanchel fai que aos de Edín Covelo lles abonda con empatar este domingo ante BM Elda no partido que pechará o play-off para conseguir o seu obxectivo. Foi un partido trepidante, con dúas partes moi diferentes e un protagonista crave, por enriba do bo labor de todo o equipo, o central pontevedrés Álex Chan, autor de 12 goles

Álex Chan nun momento do partido de play-off entre Cisne e BM Carabanchel no Municipal
Álex Chan nun momento do partido de play-off entre Cisne e BM Carabanchel no Municipal / Diego Torrado

Un só punto separa o Cisne do ascenso á División de Honra Prata. A vitoria sobre o BM Carabanchel fai que aos de Edín Covelo lles abonda con empatar este domingo ante BM Elda no partido que pechará o play-off para conseguir o seu obxectivo.

Foi un partido trepidante, con dúas partes moi diferentes e un protagonista crave, por enriba do bo labor de todo o equipo, o central pontevedrés Álex Chan, autor de 12 goles, que levou o peso do xogo, superando a presión á que estaba sometido.

O que fixo o Cisne na primeira metade rozou a perfección. Custoulle pouco máis de cinco minutos meterse no partido, tempo que aproveitou o equipo madrileño para poñerse por diante mentres os de Edín Covelo axustaban o seu defensa. Tan pronto o fixeron foron unha apisoadora.

Do 2-4 que reflectía o marcador aos cinco minutos, pasouse ao 8-4 no minuto 13. Un parcial de 6-0 que reflectía ben ás claras a superioridade dun Cisne inspirado, con Álex Chan e Andrés Sánchez martelando unha e outra vez o portal contrario. Os visitantes pedirían tempo morto e cambiaban o seu porteiro, pero de pouco lles serviu.

Cando Edín Covelo decidiu dar entrada a Toño Lafuente baixo paus, a intensidade defensiva tivo maior premio coas achegas do porteiro. E é que ese precisamente é un dos grandes activos deste Cisne, cando non é un é outro. Cando Pablo Galán non destaca, sae Toño e faino ao grande. E se é ao revés tamén funciona.

Carabanchel cambiou a súa defensa para intentar frear a comodidade na circulación de balón e a facilidade con que os locais encontraban posicións de lanzamento. Foi igual. Entón chegou a quenda para Iván Abilleira e o marcador foise ata os sete de diferenza (18-11), recortado cobra a bucina.

O partido estaba encarrilado positivamente. Había que pechalo na segunda parte para deixar o ascenso a tiro dun só punto para o partido do domingo contra BM Elda.

E fíxoo o Cisne, aínda que fose sufrindo nunha segunda parte non apta para cardíacos. Tras incrementar a súa vantaxe ata os oito goles (25-17, minuto 39), os de Edín Covelo quixeron durmir o partido pero non o conseguiron.

Os madrileños arriscaron cunha defensa moi aberta, en dobre mixta sobre ambos os dous laterais, deixando ao equipo pontevedrés coa soa opción de Álex Chan. Claro que esa era unha opción de moitas garantías. O central soubo dirixir e anotar nos momentos clave, cando aos seus compañeiros se lles encollía o brazo.

Fundamental tamén a serenidade que achegou Rafa Dasilva para buscar a mellor opción nesa asfixiante presión. Como fundamental foi tamén a volta a portaría de Pablo Galán, que achegou paradas decisivas en momentos clave para impedir que os madrileños culminasen unha remontada heroica.

A vantaxe foi descendendo ata chegar a un final de infarto. O Cisne repúxose do primeiro arreón. Do 28-26, minuto 51, ao 30-26 a falta de cinco minutos, que parecía ser definitivo. Pero non o era. Aínda quedaba o último empuxón visitante. Carabanchel chegou a poñerse a un en dúas ocasións, a última a falta de algo máis dun minuto. Ivan Abilleira e Andrés Sánchez, que marcou o definitivo 33-31 a falta de 30 segundos, levaron a tranquilidade a unha bancada que explotou de xúbilo. O ascenso queda a só un paso.

BM CISNE (33): Pablo Galán; Álex Chan (12), Pablo Picallo (1), Andrés Sánchez (6), Pablo Vidal (1), Pablo Rey (4), Pepe Camiña (1) -sete inicial-, Toño Lafuente, Santi Cuenca; Iván Abilleira (4), Bruno Montesinos, Edu Covelo (1), Rafa Dasilva (2), Miguel Simón, Javi Vázquez (1, de penalti) e Carlos Rodríguez.

BM CARABANCHEL (31): Lucas Rico, Martín Llopis, Martín-Cifuentes, Bouyfounassen (1), Joaquín Olivares, Jorge Serrano (6), Óscar Álvarez (1) -sete inicial-, Eduardo Rodríguez; Juan De Lucas, Julián Feijoó (6), Rafael Gutiérrez, Juan Muñoz (7, 2 de penalti), Álvaro Arenas (10), Martínez Del Peral, Fernández Salvador e Pablo Vidal Galiano.

Árbitros: Luis Ignacio Colmenero Guillén e Víctor Rollán Martín (Castela e León). Excluíron dous minutos a Rafa Dasilva, Álex Chan, Carlos Rodríguez, Miguel Simón e Andrés Sánchez, polo Cisne, e a Bouyfounassen e Fernández Salvador, polo Carabanchel.

Marcador (cada cinco minutos): 2-4, 6-4, 9-5, 13-7, 14-9, 18-12 (descanso), 21-14, 25-18, 27-21, 28-25, 30-27 e 33-31 (final).

Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Segunda xornada do play-off de ascenso a División de Honra Prata. Uns 700 espectadores.

VITORIA DE BM ELDA (24-22) SOBRE PAN MOGUER

Abrindo a segunda xornada do play off enfrontáronse os dous perdedores do día anterior. Se os prognósticos daban como favorito o equipo andaluz, a realidade foi ben distinta. Despois dunha primeira parte de iniciativa do PAN Moguer, os alacantinos souberon aguantar para impoñerse na segunda, baseando o seu xogo nunha gran defensa e a actuación do seu porteiro Fran Tirado, que anularon o artilleiro de Moguer, Sergio Cruzado, para anotarse unha vitoria traballada pero xusta.

Con este resultado, o BM Elda mantén opcións e converte o partido do domingo fronte ao Cisne na final definitiva, na que ambos os dous equipos se xogarán o ascenso, mentres os andaluces quedan completamente descartados.

TERCEIRA E ÚLTIMA XORNADA

A xornada final dispútase na matinal deste domingo, cos partidos que enfrontan a BM Carabanchel e PAN Moguer (10:30 horas) e ao Cisne co BM Elda (12:30 horas).