Dani Selma, directo á bancada: "Eramos 22 xogadores e agora somos 19"

Pontevedra
21 de novembro 2025

O adestrador do Pontevedra, Rubén Domínguez, mostrouse este venres tallante co castigo ao dianteiro tras o seu acto de indisciplina. Non entra na convocatoria para viaxar a Lugo

Rubén Domínguez, no partido ante o Mérida
Rubén Domínguez, no partido ante o Mérida / Cristina Saiz

Tallante. Así se mostrou este venres Rubén Domínguez sobre a situación de Dani Selma no Pontevedra despois do seu acto de indisciplina contra o Mérida.

Cun contundente "non", o técnico confirmou que se vai á bancada e non entra na convocatoria do equipo para viaxar este sábado (16.15 horas) a Lugo, a pesar das baixas coas que afronta a cita.

"Poñer o escudo do Pontevedra no noso peito esixe responsabilidade e respecto absoluto á institución. Se alguén decide saírse do camiño, porse por riba das normas, porse por riba do grupo e por riba de todo, pois ten unhas consecuencias", reiterou o adestrador granate sen querer profundar máis no castigo xa que "son consecuencias que quedan en privado".

Con respecto ás desculpas do dianteiro, primeiro de maneira interna e ofrecidas o mércores en público "unha cousa é Daniel Selma persoa, que o digo publicamente está perdoado, e outra cousa é o feito profesional. El decidiu facer unha cousa que alterou o colectivo".

Indo máis aló, con Hervías xa fóra da dinámica do primeiro plantel e Juanra lesionado de gravidade, Rubén Domínguez chegou a recoñecer a preguntas dos xornalistas que "eramos 22 xogadores e agora somos 19, pero eses 19 xogadores están plenamente capacitados para vestir a camiseta do Pontevedra e para dar rendemento".

"Se tes 18 xogadores e se lesionan tres, pois estás amolado, pero se tes 22 e non contas agora con tres, neste momento, pois son 19 e eses están preparados para xogar", insistiu o técnico.

Rubén sinalou ademais que esta situación "me parece inxusta para o colectivo por todo o traballo que está a facer".

De feito "se imos con 17 puntos e dando a imaxe de equipo que estamos a dar, esa piña que somos, ninguén nos vai a alterar. É unha persoa que decidiu facelo por si mesmo e nós estamos ao noso, os que estamos comprometidos de verdade e queremos o mellor para o club sabemos moi ben o que temos que facer", resolveu desde a sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón.