Daniella Sousa, lista para debutar co Poio Pescamar na visita do Cádiz

Poio
02 de marzo 2018

A futbolista brasileira, segundo reforzo do equipo, foi presentada oficialmente este venres na sede do principal patrocinador, Conservas Pescamar. As vermellas, sen confianzas no encontro que lles enfrontará este sábado ao pechacancelas da categoría

Presentación de Daniella Sousa como xogadora do Poio Pescamar
Presentación de Daniella Sousa como xogadora do Poio Pescamar / Mónica Patxot

Despois dunha semana de descanso, o Poio Pescamar retoma a actividade ligueira coa intención de dar continuidade ao seu último triunfo e consolidarse nos postos que dan acceso a disputar a Copa.

As vermellas reciben este sábado (18:30 horas) no pavillón da Seca ao actual pechacancelas da Primeira División, un Cádiz FSF que no seu primeiro ano na máxima categoría aínda non estreou o seu marcador de vitorias e que suma só 2 puntos.

Con todo non quere relaxacións Marcio Santos, que poderá contar xa coa recente fichaxe do equipo, Daniella Sousa.

A futbolista brasileira, segunda incorporación invernal, foi presentada oficialmente este venres nas instalacións do principal patrocinador do equipo, Conservas  Pescamar, e tras varios adestramentos ás ordes do técnico entrou na súa primeira convocatoria.

Xunto a Daniella completan a lista: Silvia, Tami, Ale de Paz, Jenny, Carol, Iria Saeta, Ceci, Patri Corral, Jessi Lores, Yoli e Delise.