David Añón: "Imos todos a deixarnos a pel para manter o Pontevedra na Segunda B"

Pontevedra
11 de maio 2018

O futbolista granate asegura que ao plantel "non nos da chegado o partido" do próximo domingo ante o Atlético B, no que se mostran convencidos de lograr a permanencia. O club confirma a viaxe de dous autocares de afeccionados

David Añón, durante un adestramento do Pontevedra Mónica Patxot

Pasan as horas e a hora da verdade vaise a achegando para o Pontevedra Club de Fútbol.

"Non nos da chegado o partido", asegurou este venres tras o adestramento do equipo David Añón, sinalando as ganas de que chegue o domingo e poder lograr un triunfo que permita a permanencia na Segunda División  B.

O atacante manda unha mensaxe aos seguidores e defende que "ninguén dubide que imos todos a deixarnos a pel para manter o Pontevedra na Segunda B".

Añón ademais esquécese de contas e asegura que "nós témolo moi claro, gañando o partido da igual o que fagan os demais, estamos salvados", polo que traballan cunha sóla idea en mente e sen pensar no rival e no resto de equipos implicados na loita pola salvación.

DOUS AUTOBUSES ACOMPAÑARÁN O EQUIPO

O club granate confirmou que completou dous autocares dentro da viaxe organizada para que os afeccionados acompañen o Pontevedra o vindeiro domingo en Madrid.

Este cento de seguidores veranse apoiados por máis pontevedreses que viaxarán polos seus propios medios e pola comunidade granate que vive na capital de España, e que non deixará só ao equipo no momento máis importante da tempada.