David Chapela pon fin á súa etapa no Cisne agradecido por "volver facerme sentir xogador de balonmán"

Pontevedra
15 de decembro 2022

O xogador pontevedrés, tras cumprir a súa palabra de axudar ao equipo ata o parón ante a falta de efectivos que sufría, dá un paso á beira. "No seu día o Cisne puxo a persoa antes que o xogador, e sen dúbida ese foi o motivo por que eu decidín devolver o favor ou ese xesto", explicou

David Chapela, no partido de Liga Asobal entre Cisne e Bidasoa
David Chapela, no partido de Liga Asobal entre Cisne e Bidasoa / Mónica Patxot

O Club Cisne Balonmán e David Chapela separan os seus camiños.

O central pontevedrés pon fin á súa breve etapa na entidade pontevedresa, que lle pediu axuda ante a praga de lesións que arrasaba o equipo, en especial á primeira liña.

"Como dixera comprometinme a xogar estes dous meses ata que o Cisne recuperase xogadores no parón, e tomei a decisión de facelo como tiña pensado", explicou o central pontevedrés, que nestes dous meses participou en oito partidos da Liga Asobal anotando 11 goles, e noutro de Copa do Rei.

Chapela quixo agradecer ao Cisne "a oportunidade de volver formar parte deste gran club", pero tamén á afección e aos seus compañeiros por "volver facerme sentir xogador do balonmán".

"No seu día o Cisne puxo a persoa antes que o xogador, e sen dúbida ese foi o motivo polo que eu decidín devolver o favor ou ese xesto. Por iso volvín estes dous meses a xogar", sinala Chapela en relación ás facilidades que deu a entidade na súa anterior retirada das pistas, tras a pandemia, para centrarse no seu labor profesional fóra das canchas.