David Fernández, un exemplo para o deporte pontevedrés e para o xadrez adaptado

Pontevedra
12 de maio 2025

O representante do Xadrez Pontevedra foi obxecto dunha recepción municipal tras proclamarse campión do prestixioso Torneo Internacional de Xadrez para Cegos de Izola, en Eslovenia

Recepción municipal a David Fernández, representante da Escola Xadrez Pontevedra
Recepción municipal a David Fernández, representante da Escola Xadrez Pontevedra / Pablo Ajuria / Brais Porto

En 2023 foi o primeiro galego en gañar o Campionato de España de Xadrez para Cegos e Deficientes Visuais e tamén logrou resultados destacados en competicións de nivel internacional como o Campionato do Mundo.

David Fernández, integrante da Escola Xadrez Pontevedra, é xa todo un referente para o xadrez adaptado e para o deporte pontevedrés en xeral.

Por ese motivo este luns foi obxecto dunha recepción oficial no Concello de Pontevedra.

Fernández foi recibido polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a edil de Deportes, Anabel Gulías.

Esta pequena homenaxe chega tras o seu triunfo no Torneo Internacional de Xadrez para Cegos de Izola, en Eslovenia.

Recepción municipal a David Fernández, representante de la Escola Xadrez Pontevedra
Recepción municipal a David Fernández, representante da Escola Xadrez PontevedraPablo Ajuria / Brais Porto

Nesta competición David Fernández enfrontouse a outros 18 xogadores internacionais.

A emoción mantívose até a sétima e última rolda, onde Fernández xunto cos tamén españois Miguel Arnedo e Roberto Clemente, chegaba con opcións de alzarse co título.

O empate entre o pontevedrés e Clemente, sumado á derrota de Arnedo, permitiulle finalmente asegurar a primeira posición na clasificación final.