Sempre se dixo que a mellor labor arbitral é a que pasa desapercibida e así foi habitualmente nos partidos celebrados na Lomba durante esta tempada. Non obstante, resulta imposible non comezar as incidencias vividas durante o encontro celebrado ante un decepcionante Cerceda, sen reflectir a tremenda apupada e reprimenda recibida polos trenciñas cando se retiraban ao vestuario, ao final do primeiro período e iso que os locais gañaban por 2-0. Unha actuación moi lonxe da capacidade que se lle debe esixir ao director da contenda, o colexiado vigués Rubén Comesaña, e os seus asistentes Iván Mosquera e ÿscar González.
Por outra parte, tamén debemos reflectir a excelente primeira metade dos locais. O equipo de Piscis, cunha disposición de loita e anticipación, superou en todos os terreos a un conxunto que chegaba a Vilagarcía na terceira posición da táboa, despois de vencer aos granates do Pontevedra a semana pasada. Todo un espellismo este equipo, ata o punto de poder asegurar que se as ganas e concentración do primeiro tempo se tivesen mantido na prolongación, os do Roxo teríanse levado unha goleada á súa casa.
O acerto e tino cara ao gol do que fixo gala Quique Cubas, nos minutos 2 e 42, facendo subir os dous goles ao marcador quedáronse curtos ante as oportunidades xurdidas no segundo período, en contraataques claros dos locais e con superioridade numérica, pero sen éxito na finalización das xogadas.
En definitiva, bo partido dos arlequinados, que lle permite chegar á cifra de 52 puntos e que, visto o que un dos equipos punteiros do campionato demostrou nesta ocasión, sabe a moi pouco. O afeccionado abandonaba o campo da Lomba pensando que o Arosa debería estar a loitar por entrar no play-off.
AROSA SC (2): Vila; Juanjo, Freire (Eloy, min. 16), Munín, Alfonso (Santi, min. 31); Rivas, Vixo, Pablo Pillado, Jose Ángel; Quique Cubas e Nando (Jonathan, min. 80).
CCD CERCEDA: Diego; Noé, Angeriz, Marcos, Juan (Adrián, min, 67); ÿlmer (Peloto, min. 46), Granada, Chirri (Felipe, min. 46), Herbert; Cano e Dani Xelo.
Árbitro: Rubén Comesaña Bastero (Vigo), auxiliado nas bandas por Iván Mosquera e ÿscar González. Amoestou a Jose Ángel, Quique Cubas, Pablo e Nando, polo Arosa, e a Cano, Granada e Herbert, polo Cerceda.
Goles: (1-0) Minuto 2: Quique Cubas. (2-0) Minuto 39: Quique Cubas.
Incidencias: Campo Municipal da Lomba (Vilagarcía). Uns 600 espectadores.