A Illa das Esculturas prepárase xa para acoller unha nova edición, a décima, da Gladiator Race.
As primeiras tarefas de montaxe xa comezaron para ter todo a punto para o vindeiro sábado 24 de maio. Pero antes, a modo de quecemento, celebrouse este mércores a presentación oficial do popular evento deportivo.
Todo nun ano que "vai a ser especial" polo seu décimo aniversario, confirma o seu organizador Serafín Martínez. Unha efeméride pola que "temos que facer algo diferente".
Entre esas novidades está a unificación nunha única distancia de aproximadamenre 8 quilómetros e con 40 obtáculos, algúns deles totalmente novos.
Promete ademais "sorpresas con grupos de música en directo, batukada ou actores escondidos en puntos do percorrido", explicou Martínez acompañado da concelleira de Deportes, Anabel Gulías, patrocinadores do evento e representantes da Asociación Autismo Bata, ao que se destinará parte da recadación das inscricións.

Serán preto de 2.000 os deportistas que participarán na Gladiator Race, ademais de 400 nenos e nenas que tomarán parte o domingo na Gladiator Kids, cunha gran demanda de prazas xa que "dende hai mes e medio non temos inscricións dispoñibles".
Unha proba xa plenamente consolidada no calendario deportivo de Pontevedra e que "é todo un espectáculo visual", defendeu Anabel Gulías afirmando que xa está "todo listo e afortunadamente sen sorpresas", lembrando o incendio que puxo contra as cordas a pasada edición.
A Gladiator Race ten previsto arrancar ás 16.00 horas do sábado coa quenda reservada a deportistas elite para despois contar con saídas reducidas cada 15 minutos até as 19.20 horas da tarde.
En canto á Gladiator Race, celebrarase o domingo 25 de maio a partir das 11:00 horas da mañá.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.