Demoledora derrota do Peixe ante o Círculo Gijón, que pelexa pola permanencia (104-78)

Marín
16 de febreiro 2019

Aínda co arrollador resultado desta fin de semana en Asturias, os marinenses loitarán na segunda fase de liga polo ascenso a LEB Oro

Partido entre Peixe Galego e Gijón Basket no CGTD
Partido entre Peixe Galego e Gijón Basket no CGTD / Diego Torrado

O  Peixe Galego, despois de perder esta fin de semana contra o Círculo Gijón, pelexará a partir de agora polo ascenso a LEB Oro. Os marinenses chegaron á última xornada da primeira fase de liga nunha posición privilexiada (cuartos, a dous puntos do líder), que, aínda non aproveitando estes a oportunidade de gañar en Asturias, xa auguraba boas noticias. Pola súa banda, notóuselles aos locais a intención de sumar dous importantísimos puntos para continuar loitando pola permanencia na categoría.

Impuxéronse os anfitrións na primeira metade do partido. Despois dun cuarto inicial bastante axustado (19-18), durante o segundo, estes lograron unha cómoda vantaxe respecto a os galegos, que, pola súa banda, comezaron a mostrarse atascados en ataque. Este feito beneficiou aos primeiros, que, a falta de poucos segundos para o descanso, gañaban por unha cómoda diferenza de 11 puntos (47-36).

Parecía que o paso polos vestiarios sentara ben aos de Javi Llorente, que nos primeiros dez minutos lograron recortar distancias. Unha vez máis, apoiados en Gregory, máximo anotador do partido (22 puntos), e tamén no recente fichaxe, o estadounidense Onwuasor (16 puntos). Con todo, múltiples perdas de balón do Peixe, que aproveitaron moi ben os locais, sumadas á necesidade de puntos destes, fixeron que os marienenses viñésense abaixo no último cuarto. Un parcial de 34-15 sentenciounos a unha máis que esmagadora derrota (104-78).

A partir da próxima xornada de liga, os pontevedreses enfrontaranse aos seis primeiros clasificados das fases Este e Oeste no seu obxectivo de ascenso. Da primeira: Alicante, Real Murcia, Villarrobledo, Básquet Girona,  CB Almansa e  Basket Azuqueca. Doutra banda, do seu grupo, medirase ao Basket Navarra,  Aquimisa, Juaristi  ISB, Saskibaloi e, finalmente, ao Igualatorio Cantabria.

Consulta a acta do Círculo Gijón-Peixe Galego.