Deporte, turismo e cultura xúntanse este domingo na Carreira Carmiña

Marín
04 de xuño 2024

A proba contará cunha carreira de 10 quilómetros, outra de cinco e unha modalidade para escolares. O prazo de inscrición permanece aberto ata este mércores 5 de xuño ás 23.59 horas. Ata o momento, case 450 persoas apuntáronse para participar nunha proba que se inicia na praia de Lapamán

Víctor Riobó, María Ramallo e Antonio Traba presentan a III Carreira Carmiña
Víctor Riobó, María Ramallo e Antonio Traba presentan a III Carreira Carmiña / Concello de Marín

Este domingo 9 de xuño, Marín volverá ser escenario da Carreira Carmiña, que chega á terceira edición co obxectivo de unir turismo, cultura e deporte.

O prazo para inscribirse permanece aberto, tras unha ampliación, ata este mércores 5 de xuño ás 23.59 horas. Ata o momento, a organización indica que se apuntaron 450 persoas nas diferentes categorías.

A proba desenvolverase a partir das 10.00 horas desde a praia de Lapamán, percorrendo o resto de areais do municipio ata chegar á meta situada no paseo marítimo.

O percorrido presenta unha distancia de ao redor de 10,6 quilómetros por todo o litoral de Marín, con traxectos por terra, asfalto, area de praia e tamén pola beira aproveitando a baixamar.

Ás 10.30 horas está prevista a Mini-Carmiña, cun percorrido de 5,6 km. Partirá de Aguete. 

Tamén os máis pequenos terán a oportunidade de participar ás 11.40 horas cunha carreira polo Paseo Alcalde Blanco, onde se entregarán tamén os premios.

Este martes presentábase a proba coa presenza de María Ramallo, alcaldesa de Marín; o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, e o organizador da proba, Víctor Riobó, quen afirmaba que a intención é atraer a participantes de distintos puntos da península para que corran pola costa de Marín e coñezan a paisaxe e elementos que forman parte do patrimonio da vila.