Deportistas do Multisport, de "trote divertido" con Javi Gómez Noya pola Illa das Esculturas

Atletismo
26 de xuño 2025

Un grupo de deportistas que participan estes días dos Mundiais Multideporte de Pontevedra compartiron este mércores unha lixeira sesión de adestramento con Javier Gómez Noya

Adestramento de Javi Gómez Noya na Illa das Esculturas con deportistas do Multisport
Adestramento de Javi Gómez Noya na Illa das Esculturas con deportistas do Multisport / Wagner Araújo - World Triathlon

Xa non compite, pero segue a ser toda unha referencia e lenda para o mundo do tríatlon a nivel internacional.

Javier Gómez Noya, actualmente técnico do equipo nacional de tríatlon con base precisamente en Pontevedra, compartiu este mércores unha lixeira e animada sesión de adestramento con deportistas que participan nos grupos de idade do Multisport.

Fíxoo correndo con eles por un espazo como A Illa dás Esculturas tan importante ao longo da súa carreira deportiva como lugar de preparación.

"Faría infinidade de quilómetros por eses camiños durante os últimos 25 anos e sígoos gozando a día de hoxe", recoñeceu sobre a xornada nas súas redes sociais o pentacampión mundial da modalidade olímpica de tríatlon e que en 2019 conseguiu precisamente en Pontevedra un dos seus ouros máis especiais, o do Mundial de Longa Distancia enmarcado dentro dos Campionatos do Mundo Multideporte.

A sesión consistiu nun "trote divertido", explicou Gómez Noya.

Os participantes, ademais de gozar da experiencia, puideron compartir vivencias co gran campión.

Non faltou, como non podía ser doutra forma, momento para fotografías e autógrafos, e é que non todos os días é posible adestrar con toda unha lenda.

Un adestramento programado á mantenta nun dos días de descanso dun Multisport que encara esta fin de semana a súa recta final de competición.