Derrota do Marín Futsal na pista do flamante campión de Europa, o Burela (4-0)

Marín
06 de decembro 2021

O conxunto marinense pouco puido facer este luns no encontro que pechaba a décima xornada de liga na Primeira División na cancha do todopoderoso Burela, que esta fin de semana se proclamou campión da Women’s European Champions

Ceci, no partido de liga en A Raña entre Marín Futsal e Penya Esplugues
Ceci, no partido de liga en A Raña entre Marín Futsal e Penya Esplugues / Cristina Saiz

Pouco puido facer este luns o Marín Futsal na pista do todopoderoso Burela Pescados Rubén, no encontro que pechaba a décima xornada de liga na Primeira División.

O conxunto lugués, sen apenas descanso tras proclamarse esta fin de semana campión na Women’s European Champions, non notou a fatiga e someteu ao cadro marinense.

As xogadoras adestradas por Raúl Jiménez defendéronse con orde deixando o paseo do choque ás locais, pero o que non contaba é con verse pronto por detrás no marcador froito dunha acción desafortunada. Era o minuto 6 e tras unha xogada persoal Emily centraba ao corazón da área e a marinense  Ceci, tentando evitar o remate dunha rival, introcudía o balón na súa propia portería.

Aínda que o Marín tentou reaccionar equilibrando o xogo, de novo o que golpeou foi o Burela a cinco minutos do descanso. Foi nun disparo de Emiliy tras unha falta que golpeou no poste e pegou nas costas de Fleitas para entrar ao fondo da rede.

Non se rendeu o conxunto marinense, aínda que a pegada era para as locais, que estiveron preto do 3-0 nun disparo de Dany á madeira. Non o o conseguiron aí pero si cando máis apertaban as visitantes, por medio de Ale de Paz.

Raúl Jiménez tentou queimar todas as naves apostando entón polo xogo de cinco, sen resultado, xa que foi o Burela o que completou a goleada co 4-0 final.

Tras este choque a competición non para e o Marín Futsal céntrase xa na primeira rolda da Copa da Raíña, que disputará este mesmo mércores 8 de decembro na cancha do Viaxes Amarelle.