Non puido pechar con vitoria a tempada regular o Tenis de Mesa Monte Porreiro, que viaxou a Córdoba para enfrontarse a un exixente rival como é o Real Club Cajasur Priego TM.
O equipo cordobés afrontou o duelo como campión de liga de forma matemática, algo que non lles fixo soltar o pé do acelerador ante un equipo pontevedrés que tampouco se xogaba nada nesta última xornada.
Contra todo prognóstico arrincou con bo pé a escadra lerezana, que se puxo por diante no global grazas á vitoria de Nicolás Galvano ante Hampus Ke Hannes (3-1).
Empatou o líder co solvente triunfo de Robert Gardos fronte a André Filipe (0-3) e foi quenda entón para un Miguel Ángel Vilchez que anunciou a súa despedida do TM Monte Porreiro esta mesma semana.
O tenista, que di adeus tras cinco históricos anos no club, tampouco puido vencer o seu duelo particular fronte a Carlos David Machado. O Cajasur Priego xa estaba por diante no xeneral (1-2).
Nicolás Galvano non puido repetir a súa vitoria inicial e caeu nun axustado enfrontamento contra Robert Gardos, polo que as opcións de gañar se esfumaban para os lerezanos.
Sentenciou o club cordobés o encontro nun último duelo entre Miguel Ángel Vilchez e Hampus Ke Hannes, derrotando o Tenis de Mesa Monte Porreiro por un definitivo 1-4.
Este resultado non cambiou o destino do club pontevedrés, que sería sétimo ao finalizar a xornada de todas as maneiras. Finaliza así a tempada de Superdivisión Masculina a seis puntos do Enoli Lles Borges Vall, equipo que marcou a clasificación para os postos europeos.
Consulta a acta neste enlace.