Cuarta derrota consecutiva en liga para un Pontevedra B que cada vez ten máis lonxe a permanencia na Terceira RFEF.
O filial visitaba este xoves o Estradense no Novo Municipal, como unha das súas últimas balas para non desengancharse da pelexa por salvar a categoría.
Os de Jesús Ramos aguantaron o tipo no inicio do choque, pero Bruno antes do descanso conseguía adiantar os locais.
Foi un duro golpe do que se repuxeron os granates, que empataron xa na segunda metade cunha pena máxima transformada por Víctor Casais.
O empate non era suficiente, e cando o Pontevedra B apuraba as súas opcións para tentar conseguir os tres puntos o que chegou foi o definitivo 2-1 local, obra de Juanín, no minuto 78.
Con esta derrota o filial granate ve como a desvantaxe coa zona de permanencia é xa de 10 puntos debido ao triunfo de rivais directos como Vivieiro e Barbadás.