A Sociedade Deportiva Teucro caeu este sábado fronte o Balonmán Cañiza nun partido de altibaixos para os azuis. O cadro lerezano logrou levantar o resultado adverso co que chegou ao descanso (16-11), pero un final de partido condicionado pola expulsión de Iago Rivas condenou aos de Sergio Carballeira a caer por 28-25.
Precisamente Iago Rivas fixo o primeiro gol teucrista para neutralizar o 1-0 inicial de Fran Hernández. O ritmo foi frenético nuns primeiros minutos de moitos contragolpes, protagonismo en ambas as portarías e un Teucro errático en ataque. Como consecuencia, o partido superou o minuto 10 con vantaxe para os locais (5-3).
Iago Vidal anotou por partida dobre desde os sete metros para manter ao conxunto lerezano pegado no marcador ao redor do minuto 15 de encontro. A pesar diso non estaba en absoluto cómodo o cadro pontevedrés, polo que Sergio Carballeira pediu o primeiro tempo morto do partido con 10-7 no electrónico.
As imprecisións en ataque continuaron penalizando ao Teucro, que sufriu a primeira exclusión do encontro no minuto 24 cos dous minutos a Martín González. Os azuis optaron por arriscar sen porteiro para atacar con seis xogadores, plan que se saldou con dúas perdas de balón e dous goles do Balonmán Cañiza (14-9).
Sergio Carballeira tivo que intervir cun novo tempo morto a catro minutos do descanso. Non houbo reacción positiva por parte do cadro teucrista, que foi incapaz de recortar distancias debido, en parte, a unha gran actuación de Jesús Veiga na portaría local. O cadro lerezano afrontaba o segundo tempo coa misión de darlle a volta ao resultado (16-11).
O paso por vestiarios sentoulle ben á Sociedade Deportiva Teucro, que arrincou mellor o segundo tempo cun parcial de 0-2 nos primeiros minutos (16-13). Cortou a dinámica o Balonmán Cañiza desde o sete metros tras unha acción que se saldou coa exclusión de Andrés Pérez.
A pesar da inferioridade numérica os de Sergio Carballeira continuaron a liña ascendente até porse 17-15 grazas ao gol de Iago Vidal desde o penalti. Solicitou entón tempo morto o banco local para tratar de frear o bo inicio dos azuis.
O cadro lerezano mantivo o seu bo facer defensivo e logrou empatar o encontro a quince minutos do final nun contragolpe culminado por Sergio Cortizo (20-20). Cando parecía que a remontada era un feito, todo complicóuselle de novo ao conxunto teucrista.
E é que os locais lograron un parcial de 4-0 condicionado, en gran parte, pola exclusión de Caue Herrera e a expulsión de Iago Rivas de forma case consecutiva. Todo isto, a dez minutos do final, deixou un resultado de 24-20.
O Balonmán Cañiza xestionou a súa renda a pesar do intento do Teucro por achegarse e Sergio Carballeira solicitou tempo morto a tres minutos da conclusión con 27-23 no marcador. Non foi suficiente para evitar a derrota a pesar do arreón final e o encontro terminou con vitoria local (28-25).
Este resultado deixa ao Teucro na sétima praza a falta de tres xornadas para o final de liga. Tras o parón de Semana Santa, o equipo pontevedrés recibirá ao Balonmán Lalín no Pavillón Municipal dos Deportes.
Consulta as estatísticas neste enlace.
ASEMBLEA XERAL EXTRAORDINARIA
O recente proceso electoral da Sociedade Deportiva Teucro pechouse sen candidatos por terceira vez consecutiva, polo que seguirá dirixida por unha xunta xestora.
Este venres tivo lugar unha asemblea xeral extraordinaria para definir os membros de devandita xunta, que finalmente manterá a mesma composición que tiña até a data.
Isto débese á posibilidade de haxa novos miemebros, algo que se debaterá nunha futura reunión. Até entón, o club seguirá dirixido pola mesma xunta xestora.