Derrotas de Leis Pontevedra e ADFS Bueu na xornada de Segunda B

Pontevedra
02 de novembro 2015

Os pontevedreses caeron derrotados na pista do Esteo. mentres o Bueu perdeu na casa ante o Albense

Partido do Leis no Pavillón Municipal dos Deportes
Partido do Leis no Pavillón Municipal dos Deportes / Diego Torrado

Despois dun sobresaliente inicio de liga, o Leis Pontevedra perde forza na clasificación da Segunda División B de fútbol sala.

Os pupilos de Manu Cossío encaixaron unha derrota na súa visita á cancha do Esteo (6-4) nun partido no que comezaron con pouca intensidade e dando facilidades en defensa.

Desta forma o rival adiantouse aos 20 segundos de xogo, pero os pontevedreses tiraron de orgullo para manterse no encontro.

Primeiro empataron a un e despois recortaron distacias en dúas ocasións para chegar ao descanso con opcións (4-3).

O Leis mellorou na segunda metade e Barcala logrou a igualada. Con todo, cando máis preto parecía o triunfo un erro defensivo propiciaba o gol do Esteo, que despois sentenciaría nos últimos minutos.

Pola súa banda o ADFS Bueu tamén encaixou unha derrota, nesta ocasión con máis claridade, na casa ante o Albense (2-6).

O equipo visitante mostrou un maior nivel físico e intensidade superiores aos do Morrazo e apenas deu opcións durante os 40 minutos de xogo.

Tras comezar perdendo 0-2, os de Javi Santos recortaron distancias, pero só foi un espellismo e o Albense ampliou a súa vantaxe antes do descanso e sentenciou na segunda metade.

Con estes resultados o Leis queda na sexta praza con 11 puntos e o ADFS Bueu na décimo segunda con 8.