Descanso para o Teucro antes da fase decisiva

Pontevedra
13 de abril 2017

Quique Domínguez deu catro días libres ao plantel azul, que non volverá ao traballo ata o luns para preparar os tres últimos partidos de liga na División de Honra Prata de balonmán, nas que estará en xogo o ascenso á máxima categoría

Partido entre Teucro e Alarcos Ciudad Real
Partido entre Teucro e Alarcos Ciudad Real / Diego Torrado

Tres xornadas restan para o final da competición da División de Honra Prata de balonmán, tres partidos nos que estará en xogo para o Teucro o ascenso á máxima categoría.

Antes diso a liga para por Semana Santa e por iso Quique Domínguez, tras adestrar os primeiros días da semana, decidiu dar catro días de descanso ao persoal.

O obxectivo do técnico é que os seus xogadores recuperen forzas no físico e tamén a nivel mental, para centrarse na esixente recta final de tempada que lles espera e na que, salvo contratempo, a única ausencia por lesión será a de Johnny Medina.

Desta forma os azuis non volverán ao traballo ata o vindeiro luns 17 de abril para preparar o complicado partido no Pavillón Municipal dos Deportes ante o Barcelona B (sábado 22 ás 20:00 horas).

Será a segunda oportunidade de ascenso do equipo, aínda que como en Alcobendas todo dependerá, sempre que os azuis gañen o seu partido, do que faga o segundo clasificado, Palma del Río, que visitará á mesma hora a cancha do Bordils.

Tras esa xornada Palma del Río e Teucro veranse as caras en Córdoba nun duelo que podería ser de máxima tensión e na que o só feito de conservar o average a favor (33-27 na primeira volta) pode ser o elemento decisivo para amarrar o ascenso á Liga Asobal.