Desestimado o recurso do Pontevedra na causa contra Milo Abelleira e José Manuel Fernández por estafa

Pontevedra
21 de marzo 2018

A Audiencia Provincial desestimou o recurso de apelación interposto polo club granate tras o arquivo provisional da causa contra o ex-adestrador e o ex-presidente, acusados de estafa e administración desleal. Contra esta decisión non cabe máis recurso e pecha a vía penal, aínda que o Pontevedra pode acudir aínda á vía mercantil

José Manuel Fernández, na súa etapa de presidente do Pontevedra C.F.
José Manuel Fernández, na súa etapa de presidente do Pontevedra C.F. / Mónica Patxot

A Audiencia Provincial desestimou o recurso de apelación interposto polo Pontevedra Club de Fútbol na causa aberta contra o ex-adestrador Milo Abelleira e o ex-presidente José Manuel Fernández, acusados de estafa e administración desleal.

Nun auto asinado pola presidenta da Sección 4 da Audiencia, Nélida Cid, o pasado 12 de marzo, desestima a apelación presentada tras o arquivo provisional da causa, o pasado mes de agosto, nunha resolución do Xulgado de Instrución 3 de Pontevedra que a maxistrada "confirma integramente sen imposición de costas procesuais".

Na súa argumentación Nélida Cid apoia o fallo do xulgado de instrución que xa considerou que "non existen indicios, valoradas as dilixencias da investigación practicadas e ás que fai referencia, da comisión dun delito de estafa procesual mediando falsidade documental".

O actual Consello de Administración do club granate presentara a denuncia tras a aparición durante o xuízo laboral entre o club e Milo Abelleira dun recoñecemento de débeda asinado polo  expresidente, José Manuel Fernández, por un importe de 104.355 euros máis o 10% dos despachos de billetes das fases de ascenso das tempadas 2013-2014 e 2014-2015. Entendía o Pontevedra que ese recoñecemento foi asinado o 20 de xuño de 2014, 11 días despois de que Fernández fose apartado do seu cargo e por tanto non estaría autorizado a asinalo. Ademais non estaba conforme coas cantidades reflectidas, asegurando que gran parte estaban prescritas.

Contra esta resolución, contraria aos intereses do club granate, non cabe recurso, polo que supón o peche da vía penal neste caso, aínda que o Pontevedra pode mantelo aberto acudindo á vía mercantil.