Despedida ligueira ante o Palma del Río para un Teucro que busca brindar un último triunfo á súa afección

Pontevedra
15 de maio 2015

Os azuis completan este sábado ás 20:30 horas unha intensa xornada de balonmán na cidade, xogando inmediatamente despois do choque de fase de ascenso do Cisne ante o BMC. César Armán, novidade na convocatoria de Quique Domínguez

Adestramento do Teucro no Municipal
Adestramento do Teucro no Municipal / Daniel Santomé

"Darle a la afición lo que no le dimos ante el Barcelona". Gonzalo Carró define o pensamento do plantel da Sociedad Deportiva Teucro ante o último partido de liga ante o Palma del Río (sábado 20:30 horas).

Os azuis completarán unha intensa xornada de balonmán da cidade xogando inmediatamente despois do segundo partido da fase de ascenso do Cisne, ante o BMC.

O conxunto teucrista desexa sorte ao seu veciño pero céntrase en despedir do mellor xeito a tempada, unha vez asegurado o ascenso, intentando chegar aos 51 puntos, o que supoñería "la segunda mejor marca de la categoría en muchos años", recoñece Quique Domínguez.

En fronte, o Palma del Río chega a Pontevedra nunha cómoda posición e "acabando francamente bien" a liga, defende o adestrador azul.

No deportivo a principal novidade será César Armán, incluído na convocatoria e que terá os seus primeiros minutos oficiais dende a súa grave lesión de xeonllo, despois de saltar á pista brevemente na semifinal da Copa Deputación.

Precisamente a final do torneo provincial, fixada para este domingo 17 de maio en Cangas (18:30 horas), centrou parte da atención da rolda de prensa previa ao último partido de liga por estar "colocada en una fecha absurda e incomprensible", declarou Domínguez.