Despedida ligueira para o Teucro cunha agardable e intranscendente derrota en Barcelona (41-25)

Pontevedra
19 de maio 2018

O equipo pontevedrés aguantou a igualdade no electrónico durante o primeiro cuarto de partido, pero ao descanso xa perdía por 11 goles ante un Barcelona que non afrouxou e que cumpriu os prognósticos

Juan Quintas, no partido entre Teucro e Barcelona no Municipal
Juan Quintas, no partido entre Teucro e Barcelona no Municipal / Mónica Patxot

Fin. A Sociedad Deportiva Teucro dixo este sábado oficialmente adeus á tempada na Liga Asobal cunha última xornada na que visitaba ao campión e intratable Fútbol Club Barcelona (41-25).

Por fortuna os azuis chegaban á cita cos deberes feitos, e limitáronse a gozar de enfrontarse a algúns dos mellores xogadores do mundo.

Os de Quique Domínguez, que se despedía do banco pontevedrés, plantaron cara ao cadro azulgrana no inicio do choque, pero a gasolina durou exactamente 17 minutos (9-8), momento no que a profundidade de banco comezou a marcar diferenzas irremediablemente.

O Teucro permitiuse o luxo, con dous goles Edu Moledo e Balázquez, de situarse por diante no inicio (1-2), mentres os locais se desperezaban. A igualdade mantívose ata o 6-6 (minuto 12), cos pontevedreses aguantando o tirón un pouco máis, concretamente ata o citado 9-8.

Aí chegarían sete minutos sen anotar para os azuis, que cando volveron ver porta xa cedían por 16-9. O castigo foi maior e o Barcelona marcaba unha cómoda renda ao descanso (21-10).

Con esta situación o segundo acto apenas gozou de interese, cos cataláns controlando a súa renda e o Teucro pelexando para que a diferenza non se disparase. Así foron pasando os minutos ata o 41-25 final.

Consulta as estatísticas do FC Barcelona-SD Teucro.