Destacado papel do Mat's de Marín no Nacional Júnior e no Open de Albania

Marín
04 de outubro 2021

O club marinense sumou tres medallas na competición nacional júnior e dúas máis no Open de Albania ao que acudiron dous dos seus representantes máis destacados como Arlet Ortiz e Iván García

Sergio Troitiño tras proclamarse campión de España Júnior de taekwondo
Sergio Troitiño tras proclamarse campión de España Júnior de taekwondo / Federación Galega de Taekwondo

Gran fin de semana para o Mat's de Marín, sumando ata cinco medallas en dúas cotas de gran nivel como son o Campionato de España Júnior celebrado en Cartaxena e o Open de Albania.

Na cita internacional, de categoría G-1, Arlet Ortiz levou a medalla de prata ao ceder unicamente na final do torneo fronte á representante alemá, mentres que Iván García conseguiu o bronce na súa categoría ao ceder nunha emocionante semifinal contra o competidor turco que se lle escapou nos segundos finais.

Esta dobre medalla foi o colofón a unha fin de semana que tivo no Nacional Júnior outra cita  descatada, cun triplo podio marinense.

O mellor resultado foi o conseguido por Sergio Troitiño, ao proclamarse campión de España na categoría de +78 quilos. O deportista do Mat's superou tres combates para facerse co título, primeiro contra o andaluz Juan Francisco Castro (21-3), despois contra o manchego Adrián Asensio (25-0) e por último contra o vasco Iván Mediavilla (17-0).

Ademais Yadira Reimúndez gañou a medalla de prata no peso de -55 quilos, caendo só na final fronte á manchega Laura Rodríguez, mesmo resultado que Silvia Otero (-42 quilos) ao perder o combate definitivo contra Sofía García (Castela-A Mancha).