Desvelado o camiño de Jéssica Bouzas na súa estrea no cadro final de Roland Garros

O Salnés
23 de maio 2024

O sorteo do segundo 'grand slam' da tempada deparou para a tenista arousá unha estrea ante unha xogadora procedente da fase previa. De chegar a terceira rolda, no seu camiño aparace o actual número uno do mundo, a polaca Iga Swiatek

Jessica Bouzas no WTA 125k de Valencia
Jessica Bouzas no WTA 125k de Valencia

Jéssica Bouzas xa sabe cal será o seu camiño en Roland Garros, na que será a súa primeira presenza no cadro principal do 'grand slam' de terra batida.

A tenista arousá, que aos seus 21 anos por primeira vez accede por ranking (87 do mundo) a un dos catro grandes torneos do circuíto profesional, xogará a primeira rolda fronte a unha xogadora procedente da fase previa, segundo determinou o sorteo de competición celebrado este xoves.

De superar esta primeira eliminatoria, na segunda rolda cruzaríase fronte á checa Marie Bouzkova ou a rusa Veronika Kudermetova, números 19 e 31 do ranking WTA.

Duras adversarias que serían aínda máis temibles de chegar ao terceiro partido do cadro, xa que aí aparecen como potenciais opoñentes o actual número un mundial, a polaca Iga Swiatek, así como o ex-número un Naomi Osaka.

Bouzas chega a Roland Garros tras terse retirado por precaución do Open Villa de Madrid, un pequeno contratempo nunha tempada na que está a bater todos os seus rexistros, entrando por primeira vez entre as 100 mellores raquetas do planeta e gañando en Turquía o seu primeiro título de categoría WTA. Foi sobre po de arxila, superficie sobre a que se xoga Roland Garros e na que tamén se disputarán uns Xogos Olímpicos que de facer un bo papel no grand slam parisiense poden chegar a converterse en realidade.