Diego Seoane pide un voto de confianza no Pontevedra porque "entre todos ímolo sacar"

Pontevedra
09 de marzo 2022

O lateral granate recibiu este mércores o Premio Estrella Galicia ao mellor xogador do equipo durante o mes de febreiro. Cre que o camiño ao éxito pasa por remar todos a un tempo nas dez xornadas que restan, poñendo como exemplo a foto sacada coa afección desprazada hai un par de semanas ao Carballiño e que debe ser "unha estampa do que ten que ser de aquí ao final de tempada"

Diego Seoane co Premio Estrella Galicia ao mellor xogador de febreiro no Pontevedra
Diego Seoane co Premio Estrella Galicia ao mellor xogador de febreiro no Pontevedra / PontevedraViva

Todos a un tempo. É o que pide un dos xogadores destacados esta campaña no Pontevedra Club de Fútbol, Diego Seoane, nas dez xornadas que restan para finalizar a liga regular.

O lateral, que este mércores recibiu o Premio Estrella Galicia ao mellor xogador do equipo durante o mes de febreiro, cre que ante a Gimnástica Segoviana "tense que notar un bo ambiente, apoio ao equipo, aos xogadores, ao corpo técnico, á directiva, a todos, e eu creo que entre todos ímolo sacar".

De feito o futbolista pon como exemplo a comuñón vivida cos afeccionados no recente desprazamento ao Carballiño. "Creo que podería ser a foto que sacamos en Arenteiro unha estampa do que ten que ser de aquí ao final de tempada", defende.

Seoane pediu un voto de confianza nun grupo ao que "doenlle os malos resultados pero está moi comprometido".

"Temos que ser positivos, queda moito, a distancia é alcanzable e nós temos que mirar soamente a gañar o partido do sábado", sinala o defensor sobre a visita da Segoviana, un encontro no que "non quero falar de xogo ou doutra cousa, só de tres puntos. Temos que saír a morder e que paguen os pratos rotos".