Diversión, nostalxia e bo ambiente no partido de homenaxe a Charles pola súa retirada

Pontevedra
31 de maio 2023

Rodeado de ex-compañeiros, amigos, familiares e afeccionados. Así se despediu unha vez, a última e definitiva, Charles Dias do Pontevedra Club de Fútbol e da súa carreira como xogador en activo, nun partido amigable celebrado este mércores no Estadio Municipal de Pasarón 

Partido de homenaxe a Charles no Estadio Municipal de Pasarón
Partido de homenaxe a Charles no Estadio Municipal de Pasarón / Mónica Patxot

Rodeado de ex-compañeiros, amigos, familiares e afeccionados. Así se despediu unha vez, a última e definitiva, Charles Dias do Pontevedra Club de Fútbol e da súa carreira como xogador en activo.

No medio dun ambiente distendido, divertido e sobre todo nostálxico, enfrontáronse este mércores no Estadio Municipal de Pasarón dous equipos formados por ex-compañeiros do brasileiro e xogadores do Pontevedra por unha banda e pola agrupación de antigos xogadores do Real Club Celta polo outro.

Alí estaban os curmáns de Charles, Igor de Souza (lesionado non se puido vestir de curto) e o incombustible Yuri recentemente renovado pola Ponferradina, pero tamén nomes lembrados da afección granate por ser algúns dos artífices do último ascenso do club a Segunda División no ano 2004, como o ex-capitán Alejandro Vázquez, Fede Bahón, Xaco, Padín, Juanlu, Capdevila ou Martín Ragg, ademais de Luciano, o actual adestrador de porteiros e ex-xogador daquel equipo Moncho, Tinaia, Óscar Guimeráns e Adrián Gómez, acompañados por un ex-adestrador do club como Javi Gracia, que o propio Charles recoñeceu como o máis influente da súa carreira e que se mostrou moi feliz de regresar de visita á Boa Vila.

A eles sumábanselle na bancada outros lembrados ex como Rubén Reyes e Pablo Vázquez e moitos dos integrantes do actual plantel como Álex González, Rufo, Churre, Seoane ou Brais Abelenda.

Polo Celta tamén figuraban algúns ex-granates recentes como Adrián Mouriño, Campillo, Pedro García ou Pedro Vázquez, ademais de Cota, Jonathan Aspas, Mario Bermejo, Pablo Couñago, Fidalgo, Sindo, José Ángel, Santi e Gorka.

O resultado era case o de menos. Foi un 4-3 para o equipo dun Charles que marcou. Tamén o fixo Yuri, e pechou a festa un gol final do fillo do propio Charles, Lucas, vitoreado por unha bancada de Tribuna cunha importante presenza de afeccionados.

Unha xornada de festa que pon o broche a unha carreira deportiva longa, exitosa e na que demostrou un gran amor e agarimo ante todo por un club, o Pontevedra Club de Fútbol.