Dobre cita clave para o Arxil en Canarias

Pontevedra
18 de febreiro 2021

O conxunto pontevedrés, penúltimo clasificado do Grupo A da Liga Feminina 2, afrontará un dobre compromiso ligueiro a fin de semana nas Illas Canarias co obxectivo de marcar distancia co descenso

Partido entre Arxil e Miralvalle no CGTD
Partido entre Arxil e Miralvalle no CGTD / Cristina Saiz

A sombra do descenso atenaza a un Club Baloncesto Arxil que afronta unha fin de semana clave para o seu futuro na Liga Feminina 2.

O conxunto pontevedrés afrontará unha dobre cita na Illas Canarias co obxectivo de romper a súa mala serie de tres derrotas consecutivas e afastarse da última praza.

As verdes caeron á penúltima posición, aínda que con tres vitorias de marxe sobre o que será o seu rival este venres 19 de febreiro en Lanzarote (20.30 horas na Península), o Magec Tías.

Vencer sería definitivo para gañar en tranquilidade durante o tramo final de liga, afastando a única praza de descenso directo e conseguindo marxe de vitorias para non ser o peor antepenúltimo dos tres grupos, que será o cuarto descendido.

Este encontro foi aprazado no seu día (8 de decembro) por un caso de covid no conxunto canario que finalmente resultou ser un falso positivo.

Para a cita Mayte Méndez non poderá contar con Samra Omerbasic, que non estaba inscrita no momento do aprazamento.

O periplo canario do Arxil completarase este domingo 21 (12.00 horas) en Tenerife visitando a pista do Adareva, sétimo clasificado.