Dobre cita para o Supermercados Froiz no País Vasco e Portugal

Pontevedra
01 de marzo 2018

O equipo pontevedrés tentará dar continuidade ao seu bo debut na Copa de España coa segunda cita puntuable que se disputará o domingo 4 de marzo coa Clásica de  Aiztondo

Concentración de pretempada do Froiz 2018
Concentración de pretempada do Froiz 2018 / Mónica Patxot

Sen apenas tempo para analizar o seu debut na Copa de España Elite e Sub-23 de ciclismo, o Grupo Deportivo Supermercados Froiz prepárase para a segunda cita puntuable da competición, a Clásica de Aiztondo.

A proba vasca disputarase o vindeiro domingo 4 de marzo e nela o equipo dirixido por Evaristo Portela tentará dar continuidade ao seu bo debut en Don Benito, onde Sergio Vega finalizou sexto.

Trátase dunha carreira montañosa, que se adapta mellor sobre o papel ás características do Froiz, con 144 quilómetros de percorrido no que o pelotón deberá superar un porto de 2ª categoría, o Alto de Alkiza, e ata seis pasos polo Alto de Aduna (3ª categoría), con saída ás 10:00 horas desde a localidade de Alkiza e chegada en Larraul.

O equipo alimenticio estará composto no País Vasco polo propio Sergio Vega xunto a Diego Noriega, Diego González, Ánder del Castaño, Aitor Bugarín, Aarón Mariño e Joan Ruiz.

Será unha fin de semana de intensa actividade para o Supermercados  Froiz, xa que participará tamén na  XXII Clásica de Primavera en Portugal, na que compartirá pelotón con equipos profesionais. Será nunha carreira de 146 quilómetros con saída e chegada en Póvoa do Varzim.

Ao país luso acudirán: Martín Lestido, Óscar Brea, Miguel Montero, Guillermo García, Abel Franco, José Carlos Amil, Jesús Rodríguez e Daniel Rodríguez.